Caza

Cando competir por matar raposos é considerado deporte

[Imaxe: Federación Española de Caza]

A caza do raposo está no punto de mira logo dos últimos campionatos no país, que estiveron marcados por unha ampla oposición social. Decenas de colectivos animalistas e forzas políticas esixiron a abolición destas prácticas, que contan co apoio e o financiamento da Xunta malia contravir a propia lexislación. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 283.

“Estes campionatos o que fan é unha especie de vivencia aínda máis cruenta do que é a caza. E engaden unha dose de violencia inxustificada co uso de cans. Son batidas intensivas, masivas e branqueadas cun halo deportivo. Ese afán competitivo racha co propio criterio dos cazadores, que din que conservan a natureza e equilibran o ecosistema”, explica o coordinador da asociación Libera!, Rubén Pérez, que critica os argumentos que manteñen viva esta práctica na Galiza, onde tiveron lugar seis campionatos durante as últimas semanas en distinta comarcas pontevedresas.

 

“Non ten ningún aval. Empregan un documento pseudo-científico, editado pola propia Federación Galega de Caza, onde a metodoloxía para facer o cálculo de raposos son as batidas de caza, e só aquelas supervisadas pola propia Federación”, sinala Pérez. Publicado en 2009, o informe calculaba que o país ten a maior densidade de raposos a nivel estatal, cunha media de 2,71 exemplares por quilómetro cadrado, o que xustificaba “aumentar considerabelmente a taxa de capturas anuais”.

 

A ausencia dun censo rigoroso é unha das reclamacións máis repetidas polas organizacións ecoloxistas, que negan tales cálculos. Sen coñecer o número exacto de raposos, consideran, non existe base para estas matanzas baixo un teórico control da especie. Xa no ano 2011, antes da aprobación da Lei 13/2013 que regula a caza na Galiza, a asociación Verdegaia apuntaba nun informe que estes campionatos estaban “unicamente motivados por un aproveitamento cinexético-deportivo da especie sen unha xustificación científica real”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 283, á venda na loxa e nos quiosques habituais]