Rubén Pérez, coordinador de Libera Galiza

"Hai practicamente barra libre para meterlle o dente ao raposo"

 

 

Libera! e a Fundación Franz Weber veñen de presentar unha demanda ante a Valedora do Pobo polo incumprimento dunha proposición Non de Lei aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza o pasado marzo de 2018 na que se instaba a Xunta a non subvencionar as cacerías de raposos. No entanto, segue a aparecer como patrocinadora deste tipo de eventos. 

 

-Cal é a situación do raposo en Galiza?

 

-Aí temos o primeiro problema. A Xunta non ten elaborado ningún censo oficial da especie no territorio galego. O único documento sobre o que adoitan apoiarse eles e a Federación de caza foi elaborado por un profesor de Veterinaria da USC, que é directivo da Federación Galega de Caza da provincia de Lugo. É bastante sospeitoso que o método de análise utilizado sexa precisamente as batidas de caza —preguntarlle a un cazador cantos raposos cre que viu-. Non hai nada nin rigoroso nin oficial que nos permita afirmar cal é a saúde da especie no territorio galego. Logo tamén se suma que o raposo é unha especie cinexética, practicamente barra libre para meterlle o dente. Con ese formato de campionato o que nos queren facer ver é que é unha especie de deporte. De feito, a Federación Galega de Caza recibe cartos como entidade deportiva.

 

 Non hai nada nin rigoroso nin oficial que nos permita afirmar cal é a saúde da especie no territorio galego

 

A polémica da caza do raposo xa leva uns anos, quizais nestes últimos dous tivo un impás que introduciu no debate novos argumentos. Por exemplo, o feito de que se empregue munición de chumbo que ten un impacto ambiental recoñecido por entidades independentes e científicas, a participación de persoas menores de idade e o uso de cans, que xera tamén un engadido de crueldade nestas macrobatidas.

 

Resulta curioso que por unha banda se nos trate de vender, tamén dende a Xunta, o papel do cazador como regulador do ecosistema e que por outra exista barra libre para disparar munición de chumbo, sobre todo nestes campionatos onde hai unha maior densidade de cazadores e cans, que hai traballos que demostran que acosan a outras especies silvestres. Ademais, no marco destas batidas mátanse animais domésticos. Hai un descontrol absoluto.

 

-Cal é o impacto das municións de chumbo?

 

-No último informe que fixo a Axencia Europea especializada no uso de substancias químicas advirte de riscos para os ecosistemas terrestres, non só para os acuáticos como os humidais, onde xa estaba prohibido o uso desta munición. Tamén pode ter implicacións no gando ou nas persoas que consomen carne de caza. Xa non é un tema de dereitos dos animais senón que é moitísimo máis amplo.

 

-Un argumento que se usa moito tanto para a caza do raposo como a do lobo é o do control da poboación destas especies.  

 

-Esta é a conceptualización que ten unha parte da sociedade moi minoritaria de que temos que regulamentar absolutamente todo o que suceda no medio natural. A cuestión aquí é se abordalo a través de batidas —cada vez se demandan máis batidas en base a noticias moi alarmistas, mesmo de especies non cinexéticas de carácter xeral como o lobo ou o xabarín—ou apostar por unha convivencia responsábel como é traballar cos gandeiros e gandeiras en programas preventivos, por métodos alternativos. Nós sempre expoñemos dous casos senlleiros: o cantón de Xenevra, que conta cunha importante parte de territorio agrícola, non ten caza dende 1974 logo dunha consulta popular. Logo, o estado de São Paulo, terceira economía de América do Sur, prohibiu a caza en 2018 porque entendeu que o porco bravo alí foi introducido precisamente con ese obxectivo cinexético deportivo, ese negocio e o propio gobernador do estado considerou que os cazadores non estaban a resolver o problema.

 

-É entón unha cuestión de concienciación, de mudar a nosa visión de traballo?

 

-É mudar o paradigma, porque de feito os cazadores xa parten da base de que o agricultor ou gandeiro vai ser o seu aliado, cando na parte máis lóxica poderiamos dicir que por moitas batidas que haxa segue habendo xabaríns a comer cultivos de millo. Entón, quizais sexa a solución máis sinxela que se busca, autorizar máis batidas como fixo o PP agora.  Modificar a Lei de Caza para rebaixar o número de participantes de 10 a 8. No entanto, non modifican a Lei de Caza para outras cuestións, ou levan 5 anos para facer o regulamento.

 

-Téñense datos de como afecta a caza furtiva?

 

-Moitas veces non é que sexa caza furtiva, senón que os cazadores pensan que no marco da súa actividade poden entrar en calquera parcela aínda que non estea integrada no coto. Por exemplo na provincia de Ourense, en Ridimoas, un espazo protexido, entraron varios cazadores a disparar e tratar de matar os animais que alí estaban. Hai un número de infraccións de baixo impacto que son moi habituais como deixar as vainas ou cartuchos no monte. Tanto o Seprona como os axentes medioambientais tratan de combater eses casos con moi poucos medios en relación ao número de cazadores.

 

 Sao Paulo, terceira economía de América do Sur prohibiu a caza en 2018 porque entendeu que o porco bravo alí foi introducido precisamente con ese obxectivo cinexético deportivo

 

-Sábese canto reciben os campionatos por parte da Xunta?

 

-Nos últimos anos creo que se detectara que eran 35 mil euros. Teñen convenios coa Secretaría Xeral de Deporte que xustifican con que unha parte vai para eses campionatos. No 2016 coido que si que se consignaran mil euros para a supercopa galega de caza do raposo. Logo tamén reciben da Consellaría de Medio Ambiente. A maiores teñen convenios con Medio Rural polo papel dos cazadores na prevención dos incendios. Non hai ningún dato obxectivo que avalíe a existencia dese convenio. Calquera persoa pode avisar da existencia dun incendio. Ese tipo de convenios son unha publicidade positiva para o papel do cazador, que na práctica é matar animais.

 

-Hai tamén unha polémica, falando de incendios, con que a competición teñan en lugares como Cotobade, damnificados polos lumens.

 

-No campionato de Cotobade legalmente non poderían facer ningunha actividade cinexética.  Unha das parroquias do municipio, Caroi, tivo un incendio forestal hai moi poucos días e a normativa marca que non se podería celebrar nada durante tres anos. Que sucede? Que a  normativa tamén marca a prerrogativa do executivo autonómico para autorizar cacerías antes de tempo.

 

-Este tipo de campionatos contan ademais co apoio económico de empresas como ENCE.

 

-A nós non nos sorprende porque de feito nunha das últimas manifestacións do lobby da caza xa estaba ENCE, o lobby madereiro, entre os patrocinadores. Hai certa convivencia, é aí onde se ve que non é unha caza social, senón que son negocios a costa da biodiversidade. É un espazo moi pequeno onde gañan moi poucos. Entendemos que hai cazadores que se adican a iso toda a vida, nós non estamos en contra dos cazadores, estamos en contra da actividade e procuramos dentro do noso alcance vetar a caza o máximo posíbel. A Xunta podería comezar a escoitar a esa inmensa maioría do 98% en lugar da minoría que supoñen os cazadores, que seguen a contaminar os montes e matar os animais.