Sanidade pública

Denuncian o intento de desmantelar o único hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil de Lugo

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, esta sexta feira. (Foto: Xunta da Galiza)
Persoal do hospital alerta dunha situación "moi grave".

Persoal do hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) de Lugo alertou esta sexta feira dun "intento de desmantelamento" do centro, o único, din, que atende adolescentes que teñen problemas de saúde mental grave na circunscrición de Lugo. 

Segundo informa a Nós Diario Elvira Pértega, enfermeira especialista en saúde mental en dito hospital, a maneira en que desde a Consellaría de Sanidade están "intentando desmantelalo" é, en lugar de fechalo, "facendo mobbing ás profesionais que deseñamos o programa terapéutico desde un enfoque de dereitos humanos [na actualidade, atópanse en baixa laboral], eliminando a psiquiatra do organigrama, bloqueando a derivación a grupos terapéuticos" ou, segundo indica Pértega, limitando os recursos necesarios para que o servizo se poida prestar de maneira correcta. 

"Ignoran repetidamente as nosas sucesivas peticións de contar cun profesor para respectar o dereito á educación das adolescentes hospitalizadas e de proporcionar o transporte para permitirlles o acceso ao dispositivo a aquelas que viven en zonas rurais", engade. 

Impacto "moi positivo"

Segundo traslada a enfermeira, "até que comezou o desmantelamento", o programa estaba a ter "un impacto moi positivo sobre as vidas" destas adolescentes e sobre as súas familias, e así o manifestaron nun escrito remitido á Valedora do Pobo, a pesar de que o centro está "infradotado en comparación con outras circunscricións" e de que Lugo é a que ten "maior taxa de suicidios do Estado español".

Por este motivo, usuarias, traballadoras e familias están dispostas a "pelexar pola permanencia do servizo". Consultados por Nós Diario, desde Sanidade desmenten as acusacións. "Refórzase sempre que a demanda o require", din.