Denuncian ataques ao patrimonio no Monte do Facho

Facho Cabo Home (Foto: Orgullo Galego)

A chegada de turistas á nosa costa volve pór en alerta o patrimonio galego, non sempre respectado por quen o visita. De feito, esta fin de semana colectivos como Orgullo Galego denunciaron nas redes sociais unha nova agresión ao patriminio no Monte do Facho, en Donón. 

Na imaxe que difunden, pode verse a un home subido no alto da garita de vixiancia, un elemento patrimonial que forma parte dun conxunto histórico artístico integrado por un castro, petroglifos e varias construcións medievais. 

Este enésimo ataque contra o patrimonio, que se suma a tradicións como a de amorear pedras en lugares turísticos, volve pór en cuestión a xestión que desde as Administracións se fai destes bens, moitos deles abandonados ou en risco de desaparecer.

Mais as ameazas non veñen só do comportamento irracional dalgunhas persoas, que nunca chegan a ser nin tan sequera apercibidas pola súa conduta irresponsábel, senón que ultimamente tamén son as empresas, en forma de eólicos ou plantacións de eucalipto, as que poñen en perigo a conservación de bens patrimoniais de todas as galegas e os galegos.

 

 

Neste caso, o 'obxectivo' foi a garita de vixiancia que se atopa no máis alto do Monte do Facho. O seu aspecto actual data do século XVIII, máis as súas bases corresponden a un antigo faro medieval que formaba parte do sistema de aviso defensivo costeiro

O edificio corresponde a un asentamento cuxa ocupación datan as persoas expertas entre os século X antes de Cristo e o século IV despois de Cristo e que deixou na zona vestixios de edificacións civís ─como o caso do faro─, o castro, e tamén edificios relixiosos, como a capela dedicada ao deus Bero Breus.

A área de Monte Facho e Cabo Home atópase catalogada como espazo protexido dentro do espazo Rede Natura 2000 e ultimamente estase falando da súa posíbel inclusión no Parque Nacional dás Illas Atlánticas.