Opinión

Facendo chorar as pedras

Supón que tes a gran sorte de seres un dos tantos que estes días percorre Galiza.

Imaxínate entrando nun conxunto de petróglifos, nun castro, medorra, castelo, ou miradoiro, nunha xornada desas nas que cres que todo é posible, que de hoxe non pasa o de lle dar unha volta á túa vida…e vas e lánzaste, posuído por unha forza estraña que te empurra a facer algo que nunca antes tentaras!  

Poste a apañar pedras sen che importar que sexan do sitio arqueolóxico e  faslle un montículo ao gran Julai, e, xa en fervor expresivo, decides escribir o teu nombre cun reviragancho na muralla, na árbore máis vella do lugar ou na pedra de debuxos tan feitos...

Debes saber, ousad@  amig@, que nada do que fagas hoxe vai chegar a ese destino de inmortalidade polo que deveces, de non consumares a segunda parte do ritual, que consiste en multiplicar por 10 o número de coios escollidos e, un a un, ilos inserindo nalgún buraco do teu corpo. Tes que saber que nada do que escribas nestes sitios che vai traer a gloria eterna se non o asinas con nome e enderezo completos e axiña copias  as palabras escritas  na pedra nalgunha parte da túa anatomía, porque ela sente a mesma necesidade ca ti de compartir os recordos.

E, para a instantánea sobre calquera destes espazos centenarios perdurar na memoria de todos por sempre, o adecuado é achegáreste o máis posible á beira, activar o modo vídeo e rexistrar como baixas a rolos. O Patrimonio e os que sentimos vergoña allea ao vermos estes alardes de amor (modo retranca), habémoscho de agradecer.

Comentarios