Catro perigosas modas dos turistas

Ducias de máscaras e panos colgan dunha varanda en San Andrés de Teixido (Foto: Concello de Cedeira).

O turismo é unha fonte de ingresos innegábel e unha actividade humana que enriquece ás sociedades receptores, aínda que en ocasións trae consigo unha serie de comportamentos incomprensíbeis que ameazan o medio ambiente e o patrimonio, algo do que Galiza non escapa.

O turismo é unha fonte de ingresos innegábel e unha actividade humana que enriquece ás sociedades receptores, aínda que en ocasións trae consigo unha serie de comportamentos incomprensíbeis que ameazan o medio ambiente e o patrimonio, algo do que Galiza non escapa.

1. As máscaras de Santo André de Teixido

Unha das novas que máis deu de falar nos últimos días foi a popularización por parte dos visitantes de San Andrés de Teixido de colgar panos húmidos e máscaras, causando un problema con implicacións sanitarias que indignou á veciñanza da zona até tal punto que o Concello de Cedeira chegou a publicar nas súas redes sociais unha mensaxe que di “A Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo, e quen deixa máscara ou pano terá mala sorte durante un ano”.

2. O Santo dos Croques do Pórtico da Gloria 

Unha tradición vinculada á Universidade de Santiago de Compostela foi unha que causou unha importante degradación nunha peza única, como é a escultura do Mestre Mateo do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Consistente en dar tres golpes coa cabeza sobre a imaxe, coa idea de “abrir a cabeza” á transmisión dos coñecementos, axiña se estendería aos peregrinos, causando un desgaste na pedra que levou á súa prohibición.

3.As queimas dos peregrinos en Fisterra

Outra costume perigosa que está vinculada ao Camiño de Santiago é a de algúns peregrinos e peregrinas que deciden continuar a súa travesía até Fisterra logo de chegar á capital galega. Unha vez alí, realizan queimas nas que calcinan as súas roupas e calzado, no que para eles é un rito simbólico, pero que xa causou varios incendios forestais na zona e causa problemas estéticos aos veciños da contorna, que din que a tratan “como un vertedoiro”. 

4. Amontoamento de pedras na Praia das Catedrais 

Outra perigosa nova “tradición”, esta máis recente, é unha que ten lugar na Praia das Catedrais, onde os turistas comezaron a amontoar pedras que logo inmortalizan cos seus teléfonos para compartir nas redes sociais. Desde o Concello de Ribadeo loitan contra esta “costume”, aínda que periodicamente volve con forza, a pesar dos danos que produce non só na estética da zona, senón na flora e na fauna.