Denuncian un acto "fascista" nun monumento polas vítimas do franquismo en Redondela

Monumento da Memoria, no Alto da Concheira (Redondela). (Foto: @xcgcampo/Twitter)
É o terceiro ataque que contra este monumento en pouco máis dun ano de vida.

O Monumento pola Memoria construído o pasado ano polo Concello de Redondela para conmemorar as persoas asasinadas na Galiza durante a Guerra Civil española sufriu un acto "fascista" na madrugada desta terza feira.

O concelleiro do BNG de Redondela Xoán Carlos Garrido Campo publicou no seu Twitter unha imaxe do monumento, manchado de pintura na súa parte inferior, xunto coa seguinte mensaxe: "Trátase dun acto fascista, e non vandálico. Queren negar o que alí e no resto de Galiza sucedeu a partires do 36".

Aliás, tamén compartiu unha imaxe do panel informativo que acompaña o conxunto escultural, no que se poden ver as datas nas que foron asasinadas polo franquismo diferentes persoas do concello no Alto da Concheira, o mesmo lugar no que está situado o monumento.

Esta conmemoración foi inaugurada polo Concello de Redondela o 14 de abril de 2021, con motivo do noventa aniversario da instauración da II República española, coa inscrición “En lembranza dos homes e mulleres que defenderon a República. Concello de Redondela 2021”.

Novo ataque ao monumento

Non é a primeira vez que este monumento sofre ataques deste tipo. Aos poucos días de inauguralo, o Concello de Redondela denunciou actos vandálicos contra o conxunto, tamén perpetrados con pintura.

Desde o Concello afirmaron que eses actos mostraban o "reflexo da intolerancia dunha minoría á que lle molesta un sistema democrático que defende a liberdade, a tolerancia e a igualdade”.

En xullo do ano pasado volveron a repetirse estes ataques contra o monumento e o panel informativo, ante o que o Goberno local volveu denunciar o ocorrido e asegurar que actuaría axiña para arranxar os estragos.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou que os ataques ao monumento "expresan un claro odio contra a memoria democrática do noso municipio".