Denuncian presuntas ilegalidades na mina de San Acisclo, en Muras: "Os prexuízos poden ser irreparábeis"

Maquinaria na mina de San Acisclo (Foto: SLG).
A mina está localizada na área de amortecemento e na contorna de protección do ben do patrimonio cultural da Galiza denominado Mámoa do Chao do Navallo.

A responsábel da Loita contra o Acaparamento de Terras do Sindicato Labrego Galego (SLG) e de Comisións Labregas (SSLL), Margarida Prieto Ledo, vén de dirixir escritos e fotografías ao concello de Muras e á Unidade da Policía Nacional Adscrita á Galiza para denunciar actividades presuntamente ilegais na mina de San Acisclo (tamén en Muras).

A mina está localizada na área de amortecemento e na contorna de protección do ben do patrimonio cultural da Galiza denominado Mámoa do Chao do Navallo e que non conta cos necesarios informes de Augas da Galiza, nin con Estudo de Impacto Ambiental, segundo afirman desde o SLG.

“Exiximos a paralización inmediata destes traballos, por tratarse de actividades que carecen das preceptivas autorizacións de augas, ambiental e urbanística, e demandamos o inicio dos correspondentes procedementos sancionadores contra os infractores, así como que se nos teña por denunciantes nos mesmos, e se lle dea o correspondente trámite de audiencia”, reivindica Prieto.

Na súa denuncia, a responsábel da loita contra o acaparamento de terras no SLG-CCLL ilustra con imaxes a presenza de maquinaria, presuntamente contratada pola empresa mercantil concesionaria Materiales Cerámico Materias Primas SL., realizando labores mineiras na concesión Ampliación San Acisclo en Silán (Muras).

“Para chegar até a finca na cal se encontran agora, as máquinas pasaron por leiras particulares sen permiso. Animamos á veciñanza a denunciar se se atopan neste caso”, indica Margarida Prieto.

Actualmente está interposto un recurso de reposición por parte do Sindicato Labrego Galego no cal “solicitamos a suspensión da autorización da actividade mineira por parte da Xunta da Galiza, para a cal non consta ademais a existencia dunha licencia municipal”.

“Como xa temos denunciado en reiteradas ocasións, son múltiples as irregularidades presentes na mina San Acisclo, comezando porque esta concesión e o seu proxecto encádranse na proposta de ampliación da rede Natura 2000 da Galiza (Decembro 2011), vulnerando a Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres”, aseguran desde o SLG.

"Prexuízos irreparábeis"

Trátase ademais, afirman “dunha actividade extractiva con impactos ambientais severos, destacando a afección moi severa e prexuízos irreparábeis para a Rede Natura 2000 e a súa incoherencia e falla de conectividade ecolóxica entre os ecosistemas. Cómpre ter en conta que as especies non entenden de límites xeográficos e que o mantemento da conectividade ecolóxica é fundamental para a conservación dos ecosistemas e da coherencia da propia Rede”.

Os prexuízos para os recursos hídricos, tamén preocupa no SLG e ademais informan que a mina carence “dun estudo hidrolóxico e hidroxeolóxico que garanta a calidade das masas de aguga superficiais e soterradas e a no afección aos acuífureos, vunerando flagrantemente da Directiva Marco da Auga (DMA). Esta afección severa exténdese ao conxunto de cauces da área e afección do proxecto con impactos sobre brañas, humidais, fontes e nascencias de cauces, ficando unha importante rede fluvial afectada por este proxecto de explotación mineira a ceo aberto”.