Un megaparque eólico unirá por liña de alta tensión os Ancares e A Mariña

O parque eólico Levante estaría formado por 19 aeroxeradores de até 180 metros de altura. (Foto: Greenalia)
Unha liña de alta tensión (LAT) desde os Ancares até A Mariña de 50 quilómetros de lonxitude e pola que se evacuará a enerxía producida nos diferentes parques a instalar na comarca ancaresa. Este é un dos impactos do novo proxecto eólico para a zona que contempla Greenalia e que está a denunciar veciñanza de concellos como As Nogais ou Becerreá.

Greenalia ten actualmente en exposición pública o seu proxecto Levante para instalar un parque eólico de 19 aeroxeradores en terreos as Nogais, Becerreá e Triacastela. Unha iniciativa que contempla xerar 106 megawatts (MW) de potencia cuns muíños que medirán "entre 150 e 180 metros de alto", sinala a Nós Diario María Osorio, veciña da comarca e unha das integrantes de Eólicos Así Non e o movemento de rexeitamento a esta iniciativa eólica, que na tarde desta terza feira realizou en Becerreá unha asemblea informativa. 

O proxecto está actualmente en exposición pública e a súa tramitación corresponde ao Estado, non pola Xunta, ao superar os 50 MW. Osorio advirte que, máis aló do impacto do propio parque eólico, o grave é a liña de alta tensión (LAT) a través da que evacuar a electricidade que era.  "É un megaproxecto que vai implicar unha LAT de 50 quilómetros, desde aquí [Os Ancares] até A Mariña", explica Osorio. "O que cremos é que vai  para Alcoa", engade.

 Esta estrutura de evacuación ligada ao parque eólico Levante  estenderase polos concellos das Nogais, Becerreá, Baralla, Baleira e Pol, "onde hai outro parque eólico en proxecto", e desde aí dirixiríase á Mariña, asegura.

"Sacrificar a comarca"

A LAT nalgúns puntos pasaría "a 50 metros das casa", indica, e lembra que na zona xa hai unha outra liña de alta tensión. "Van sacrificar a comarca", lamenta, cun importante impacto tanto a nivel de, indica, acuíferos ou superficie necesaria para a gandaría.

Outro motivo de protesta é, apunta Eólicos Así Non, a "vulneración de dereitos" como o da información a respecto dos prazos e procesos de información dos parques. "Os veciños souberon que ía haber un parque cando lles puxeron unha antena medidora".

"As liñas son o novo negocio"

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova denunciaba recentemente o proxecto para pór en marcha unha "liña de alta tensión (LAT) que conectará os proxectos eólicos das corporacións enerxéticas desde a raia seca da Limia até Terras de Celanova coa central de Frieira no Miño".

Un proxecto que se estendería ao longo de 50 quilómetros e que afectaría concellos como Calvos de Randín, Porqueira, Bande, Verea, Celanova, Quintela de Leirado, Pontedeva e Paderne. Desde a plataforma están convencidos, en conversa con Nós Diario, de que as liñas de alta tensión "son o novo negocio". "É a canle pola que se ten que sacar a enerxía" que se produce nos eólicos, polo tanto, imprescindíbel.

O investimento realizado na construción dunha LAT amortízase en pouco tempo, segundo teñen apuntado expertos, polo que a marxe de ganancia é importante. A infraestrutura prevista, lembra Stop eólicos, atravesa zonas de gran valor ambiental, humano e patrimonial, como a bacía do Salas e do Limia ou parte das serras do Xurés e do  Laboeiro.