Demandan ante a xustiza o parque eólico Banzas pola súa grave afectación a humidais de "gran valor natural"

Polígono eólico de Pena Galluda, na Laracha, comarca de Bergantiños (Foto: Engasa)
Ecoloxistas en Acción sinala que “esta concentración de aeroxeradores sumada ao resto de parques e ao impacto das liñas de alta tensión para evacuar a enerxía eléctrica traería irreparábeis consecuencias ao ecosistema da zona”.

Ecoloxistas en Acción demandou ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) o Parque Eólico Banzas que pretende instalar Green Capital Power nos concellos de Outes, Negreira e Mazaricos.

Tras ter presentado no seu día alegacións e un recurso de ante a Consellaría de Economía e Industria, a organización ecoloxista impugnará agora a decisión da Xunta presentando unha demanda polo “severo impacto paisaxístico”, sobre o medio natural e acústico, dado que o ruído das turbinas localizadas perto das vivendas suporá un “impacto importante na saúde e na calidade de vida da poboación afectada”.

Ademais, a organización ecoloxista considera “un auténtico despropósito” que se aprobase este parque, dado que na mesma zona hai outros dez proxectos eólicos en tramitación (entre eles Maragouto, San Cosmeiro, O Vao, Vaqueira, A costa, Alvite, Alvite I, Troitomil, Vilartoxo..) e dous en funcionamento (Serra de Outes e Corzán).

Ecoloxistas en Acción sinala que “esta concentración de aeroxeradores sumada ao resto de parques e ao impacto das liñas de alta tensión para evacuar a enerxía eléctrica traería irreparábeis consecuencias ao ecosistema da zona”.

Destacan que non se realizaron estudos hidrolóxicos e hidroxeolóxicos nin se avaliaron os impactos sobre a Rede Natura 2000, a pesar das graves afeccións que carrexará a construción do parque eólico as zonas húmidas de gran valor existentes na zona.

O colectivo ecoloxista considera que é requisito indispensábel analizar os efectos ocasionados polo parque eólico Banzas de modo individual, pero tamén de maneira acumulativa tendo en conta o resto de instalacións existentes ou proxectadas, dado que os principais efectos sinérxicos non só se poden desenvolver sobre a paisaxe e a avifauna, como indica a empresa promotora, senón tamén sobre a poboación dos núcleos directamente afectados.

O ruído, a afectación ás traídas de auga veciñais ou a depreciación das propiedades que quedan dentro dunha poligonal sobredimensionada, son algunhas das cuestións que mais inquedan as comunidades afectadas.

"Rexeitamento unánime"

Tanto Ecoloxistas en Acción como as organizacións veciñais afectadas estanse a preparar para emprender unha nova batalla legal apelando a “conservar a naturalidade” do entorno rural afectado polo parque eólico Banzas.

"Esta construción podería supor un cambio importantísimo na paisaxe, que se vería afectada de forma radical ademais do resto de afeccións máis que severas a este enclave tan próximo a zonas protexidas", denuncia Roberto Vilela portavoz de Ecoloxistas en Acción.

A organización ecoloxista vén realizando nos dous últimos anos unha intensa campaña para a documentación e catalogación de obras húmidas na Galiza, xa que moitos destes humidais están ameazados sobre todo pola proliferación de parques eólicos e plantacións ilegais de eucaliptos.

Como parte desta campaña, Ecoloxistas en Acción está elaborando informes sobre humidais afectados por novos proxectos eólicos, como no caso do parque de Banzas.