Demandan á Xunta que facilite as reclamacións de titulares de bens inmatriculados pola Igrexa

Igrexa da parroquia de Tabeirós, na Estrada. (Foto: Nós Diario).
O viceportavoz do PSdeG, Pablo Arangüena, pídelle ao Goberno galego que poña en marcha "accións e medidas necesarias" que permitan "impedir a consolidación do dominio ou outros dereitos reais inmatriculados a favor da Igrexa católica na Galiza".

O viceportavoz do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que facilite as reclamacións de posíbeis titulares lexítimas dos bens inmatriculados pola Igrexa na Galiza a raíz das reformas da normativa hipotecaria de 1996 e posteriores. O responsábel socialista sinala que un de cada cinco bens inmatriculados no Estado corresponden a Galiza.

O responsábel socialista pídelle ao Goberno galego que poña en marcha “accións e medidas necesarias” que permitan “impedir a consolidación do dominio ou outros dereitos reais inmatriculados a favor da Igrexa Católica na Galiza” cando esta “se fixese sen título material que a xustificase ou cando o ben fora de dominio público” e, polo tanto, non puidese ser declarado de titularidade privada.

Arangüena presenta esta iniciativa a raíz da iniciativa do Goberno do Estado de facer pública a relación dos bens inmatriculados aproveitando a vía aberta pola modificación da normativa hipotecaria do goberno de Aznar. Segundo estes datos, dos 35.000 bens inmatriculados pola Igrexa, un total de 7.131 corresponden a Galiza, e dentro destes hai 2.747 templos, mentres o resto está integrado por todo tipo de bens inmóbeis.

A relación completa destes bens vén de ser remitida ao Congreso, un feito que que abrirá o prazo para que particulares ou entidades públicas poidan reclamar legalmente cando estean en desacordo coa declaración de titularidade en favor da Igrexa. Por este motivo, pídelle ao Goberno galego que faga accesíbel a relación dos bens radicados en territorio galego que fosen inmatriculados pola Igrexa Católica.

Arangüena lembra que os socialistas galegos xa presentaran na Lexislatura pasada unha serie de iniciativas para pedirlle á Xunta que impedira a consolidación do dominio ou outros dereitos reais a favor da Igrexa católica na Galiza para poderen recuperar eses bens. Trátase, explicou, de “evitar situacións nas que as inscricións se tiveran feito sen título material e previo que as xustificase ou cando o ben, por ser de dominio público, non puidera pasar á titularidade privada”.

O responsábel socialista advertiu que a reforma normativa de Aznar posibilitara no seu día “que se inmatriculasen a favor da Igrexa inmobles sen dispor do título ou cando fosen de titularidade pública.