A Igrexa inscribiu como propios máis de 7.000 bens na Galiza desde 1998

(Foto: Europa Press)

A listaxe de bens inmatriculados grazas a unha lei do Goberno de Aznar inclúe templos, vivendas e prazas de garaxe, entre outros. Galiza é o segundo territorio do Estado con maior número de inmatriculacións.

A Igrexa católica conta cun total de 7.131 bens inmatriculados na Galiza entre 1998 e 2015, por mor da reforma da Lei Hipotecaria levada a cabo polo Goberno de José María Aznar, segundo a listaxe elaborada polo Goberno español e enviada ao Congreso dos Deputados.

Segundo esta listaxe, Galiza é o segundo territorio con máis inmatriculacións -acción de inscribir por primeira vez unha propiedade no rexistro da propiedade- do total de 34.961 existentes no Estado español, só por detrás de Castela e León (10.243).

De feito, A Coruña é a provincia con máis bens inmatriculados de todo o Estado (2.669). Séguelle Lleida (2.157) e Cantabria (2.058). En cuarto posto sitúase Ourense (2.017). Nos primeiros postos tamén están Pontevedra (1.383) e Ourense (1.062).

Dos 7.131 bens, 2.747 son templos e os 4.384 restantes son fincas rústicas, vivendas, solares, cemiterios e prazas de aparcadoiro, entre outros.

Esta lei permitiu á Igrexa rexistrar ao seu nome inmóbeis só cunha certificación eclesiástica, tal e como se presenta en 6.210 casos na Galiza, mentres en 921 casos son títulos distintos da certificación eclesiástica.

"As inmatriculaciones producíronse ao abeiro dunha situación legal, outra cousa é que, ao longo dos anos, houbese posicionamentos contrarios á reforma que propiciou o Goberno de Aznar, pero foi á luz dunha legalidade", declarou a vicepresidenta primeira do Goberno español e ministra da Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática, Carmen Calvo, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Das 34.961 inmatriculacións, 20.014 corresponden a templos da Igrexa católica ou dependencias complementarias que teñen que ver co culto ou a tarefa educativa e os 14.947 restantes relaciónanse con outros usos: terreos, solares, vivendas ou locais, segundo concretou Calvo.