Demandan recuperar frecuencias no transporte público por estrada entre Ferrol e A Coruña

Rolda de prensa da Plataforma por un transporte público digno de Ferrol e comarca (Foto: SB).

A Plataforma por un transporte público digno de Ferrol critica que o actual contrato teña "un número tan limitado de quilómetros" e condicione o servizo.

Usuarias e usuarios do transporte público por estrada entre Ferrol e A Coruña non están satisfeitos co servizo que lles ofrece a empresa Monbus, en unión con outras compañías, após substituír á empresa Arriva.

A Plataforma por un transporte público digno de Ferrol e comarca volveu a demandar "o restabelecemento das liñas e frecuencias que existían antes do cambio da concesión” nunha rolda de prensa que realizaron na Praza da Galiza.

Teresa Vázquez, portavoz desta plataforma, criticou que tanto a Xunta como as empresas concesionarias "realizaron unha auditoría e unha enquisa aos usuarios para detectar os desaxustes". Porén, asegura que "non sabemos para o que serviron, xa que na reunión que mantivemos a semana pasada co director  xeral de Mobilidade instóusenos a informar por escrito, unha vez máis, sobre as nosas demandas".

A representante deste colectivo detallou que "tras meses de anuncios de melloras, o certo é que se continúa igual, sen recuperar un servizo que funcionaba ben". Para Vázquez, a situación empeorou. "Agora vemos que cando necesitamos coller o bus esa frecuencia foi eliminada", lamenta.

A eiva da limitación de quilómetros

Teresa Vázquez detallou que "a actual concesión ten un número de quilómetros tan limitado que calquera axuste nas liñas e nas frecuencias, implica deixar sen servizo a veciños ou colectivos dunha ou doutra localidade, facendo así máis precario o servizo", ademais de incidir que se está "mesturando o transporte  discrecional co escolar, co obxectivo de incrementar a rendibilidade das concesionarias".

Alén diso, afondou no tema laboral do persoal da empresa que “sufriu un empeoramento das condicións laborais dos seus traballadores", asegura.

Con este panorama, a Plataforma reclama a todas as administracións que "actúen dunha vez de maneira decidida para saír do illamento no que se atopa na actualidade a comarca, produto da carencia de medios, sen esquecer a importancia que para nós tamén ten o tren".

Se non se atenden as demandas da Plataforma, este colectivo non descarta convocar novas mobilizacións, mais todo dependerá, aseguran, da reunión que prevén ter esta segunda feira cos representantes da Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol.