A demanda nos bancos de alimentos dispárase pola crise enerxética

Desde o banco de alimentos de Vigo chaman a participar na gran recollida de produtos que se levará a cabo o 25 e 26 de novembro. (Foto: Europa Press)
Os bancos de alimentos están a ver incrementado o número de persoas ás que prestan servizo, nun contexto marcado pola suba xeneralizada dos prezos a causa da inflación (9% no último mes a nivel estatal) e pola crise, cunha situación en que 48% das familias galegas teñen dificultades de para chegar a fin de mes, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ao mesmo tempo, os propios bancos de alimentos están a experimentar o ascenso dos prezos, ao teren que facer fronte a recibos da luz, ás veces, dunha cantidade equivalente ao do aluguer das naves nas que traballan. Este é o caso do banco de alimentos de Lugo, cuxa presidenta, Amadora Núñez, explica a Nós Diario que se están a ver moi afectados pola suba enerxética.

“Até agora viñamos pagando uns 170 euros de recibo da luz, 245 euros como moito, mentres que a última factura que recibimos foi de 1.270 euros”, expón, “non podemos seguir así”. “Se nos afecta tanto ao banco de alimentos, moito máis no seo dunha familia con crianzas”, e conclúe que “isto é un abuso moi grave”.

José Pita, membro da Federación Galega de Bancos de Alimentos, con sede en Santiago de Compostela, indica a Nós Diario que afrontan a situación como poden. “O incremento dos prezos das materias primas e dos combustíbeis provoca que todo custe máis e que a xente non chegue a fin de mes”. Así, argumenta que os bancos de alimentos nútrense principalmente das “operacións quilo”, campañas de recollida de produtos, mais hoxe “resultan complicadas” pois, "se as persoas non teñen para pagar o seu, menos teñen para doar".

Desde o banco de alimentos de Vigo, que presta servizo tamén en Pontevedra, sosteñen a Nós Diario que a día de hoxe os estantes dos bancos están repletos pois veñen de recibir a comezos de mes un cargamento de 500.000 quilos de produtos do Fondo de Axuda Europea para persoas desfavorecidas. Con todo, indican que “isto é un espellismo, porque en 15 días os estantes volverán estar baleiros”. Así, constatan que “as doazóns de particulares baixaron en gran medida”, algo “lóxico, pois a poboación é a maior afectada” polo encarecemento da vida. 

“Nas últimas Operacións Quilo que fixemos notamos unha baixada de máis da metade nas doazóns neste último ano”, indican fontes do banco de alimentos de Vigo. “En novembro sempre facemos unha gran recollida na zona e, en dous días, recadamos o suficiente como para chegar até a primavera”. 

Nos anos previos á pandemia, os bancos de alimentos recadaban nestas campañas 300.000 quilos de produtos. Esta cifra ascendeu en 2020 pola solidariedade que se xerou coa situación de confinamento, permitindo recoller un total de 500.000 quilos. Porén, o ano pasado o dato “descendeu a 250.000 kg”.

Isto debeuse á inflación pois “cos mesmos cartos cómpranse moitos menos produtos”, din no banco vigués. Núñez, desde Lugo, exemplifica esta situación explicando que mentres antes un quilo de pasta custaba 0,69 euros, agora “chega a 1,40”, así “quen antes traía dous paquetes, agora doe só un”.

Aumento da demanda

Se ben as doazóns diminúen, as persoas usuarias dos bancos de alimentos aumentan. No caso do banco de Vigo, indican que antes da pandemia atendían 15.000 persoas e, agora, "entre a crise e a inflación, chegamos a 22.000 usuarios”, é dicir, 46,6% máis. No banco de Lugo, Núñez explica que no confinamento a porcentaxe de persoas que precisaba alimentos disparouse e, “desde entón, mantívose unha suba de arredor 35%”. “A xente está moi asustada”.

En canto ás persoas usuarias dos bancos de alimentos, “non existe un perfil concreto”, sosteñen desde o banco de Vigo. “A diferenza das últimas crises, como a de 2008, a pandemia provocou que desaparecera un perfil concreto” de persoas que acceden os bancos, pois “pode ser calquera”. Con todo, desde os distintos bancos observan un claro aumento de “persoas traballadoras empobrecidas”, aquelas que a pesar de teren traballo, non chegan a fin de mes.

Aumentan as persoas traballadoras empobrecidas que se achegan aos bancos de alimentos

Por isto, Pita insiste en que son as Administracións públicas as que deben actuar, pois son “as responsábeis e as que deben botar unha man”. Pola súa parte, Núñez sostén que cómpre ofrecer un “paquete de luz e gas” ás persoas que máis o necesiten para poder garantir unha “estabilidade” ao permitir que “unha familia saiba a cantidade que vai pagar nos seguintes recibos".