Así chegan a final de mes os fogares galegos

Máis da metade fano con dificultades, aumentan os que diminúen gastos comúns e cae a confianza dos consumidores
Varias persoas no mercado tradicional da Praza de Abastos de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Varias persoas no mercado tradicional da Praza de Abastos de Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Os fogares galegos que teñen dificultades para chegar a fin de mes mantéñense por encima de 50% no primeiro trimestre de 2022, segundo os datos divulgados esta segunda feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

A cifra dos que teñen dificultades ou moitas dificultades é de 51%, o que supón un punto menos que no anterior trimestre e seis puntos menos que hai un ano, de modo que os que contan con facilidades ascenden na actualidade até 49%.

Con todo, entre os que contan con moitas dificultades hai unha alza até o 6,72%, o que supón un lixeiro incremento fronte a 6,20% do anteriores tres meses. Con todo, supón un retroceso respecto ao 10% do primeiro trimestre de 2021.

Menor confianza

Pola súa banda, cae a confianza dos consumidores galegos en seis puntos respecto aos tres meses anteriores. De feito, diminúen os catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: situación financeira persoal, desemprego, situación económica da Galiza e capacidade futura de aforro.

Así mesmo, dispáranse a 30% os fogares galegos que diminuíron gastos comúns, como roupa e calzado, transporte, gas e electricidade, non alimentación. Nos meses anteriores supoñían 16,9%.

 

Un 26,4% non se permitiu ningún extra -vacacións, facer fronte a imprevistos, saír a cear ou ir ao cinema- no primeiro trimestre do ano.

Cambio de hábitos

Ademais, 12,6% dos fogares cambiaron os seus hábitos de compra cara a marcas brancas ou produtos en oferta. Un 40% ten previsto aforrar no próximos tres meses e o 53,8% saír a cear, ir de cafeterías ou ao cinema.

Finalmente, 15,8% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal na que habitan; o 7%, o coche, e o 2,3%, unha segunda vivenda.

Comentarios