A delegación galega expulsa do Sáhara insta o goberno español a reclamar explicacións a Marrocos

Intergrupo Paz e Liberdade para o pobo saharauí [Imaxe Irene Pin]

Através dunha carta o Integrupo Paz e Liberdade para o pobo saharauí tamén se dirixirá ao Consello de Seguridade da ONU e ao Parlamento europeo.

Após a súa expulsión do aeroporto do Aiún e de non lles ser permitido o acceso aos territorios ocupados do Sáhara Occidental como prevían, representantes do Integrupo parlamentar Paz e Liberdade para o pobo saharauí anunciaron en comparecencia de imprensa que enviarán unha carta ao goberno español, a Secretaría Xeral das Nacións Unidas e o Parlamento europeo para instar estas institucións a exixir explicacións ao goberno de Marrocos "pola sistemática vulneración do dereito internacional ao impedir a presenza de observadores/as internacionais que verifiquen a protección dos dereitos humanos no Sáhara Occidental". 

No que vai de ano foron expulsas 120 persoas entre xuristas, integrantes de ONGs e delegacións parlamentares

Así, deron conta de que no que vai de 2016 "120 persoas integrantes de delegacións parlamentares, xuristas, ONGs e xornalistas de diferentes países" foron expulsas dos territorios ocupados. "Marrocos teme algo, non quere testemuños", asegurou o delegado do Frente Polisario na Galiza, Habibullah Mohamed Kuri. 

Dereitos humanos

"Lamentamos a decisión do goberno [marroquí] de vetar a delegación", dixo Gonzalo Trenor do Partido Popular, quen subliñou o feito de que "o único obxectivo" da viaxe "era observar in situ a situación do pobo saharauí" en materia de dereitos humanos e tamén visitar a familiares das persoas presas e desaparecidas. 

Neste senso, sinalaron que a "excusa" empregada polas autoridades marroquís foi "a de non ser neutrais". Así as cousas, denunciaron a "agresividade verbal" empregada durante a súa expulsión, dixo a parlamentar do PSdeG-PSOE, Noela Blanco, e as novas difundidas pola imprensa "oficialista" marroquí nas que se acusou a delegación de procurar "amotinar separatistas", acrecentou Xabier Ron, de AGE

Queremos que o do Sáhara non sexa un conflito esquecido

"Queremos que o do Sáhara non sexa un conflito esquecido" porque o seu "sufrimento ten nomes e apelidos" como o dos presos políticos e o dos refuxiados, sinalou Montse Prado (BNG) en referencia a Hassanna Aalia, solicitante de asilo político no Estado español, presente tamén na comparecencia xunto con Maite Isla e Xosé Henrique Porto de Sogaps. Isla, amosou o agradecemento da ONG galega ao Integrupo Paz e Liberdade para o pobo saharaui e tamén para os medios de comunicación galegos por teren recollido a expulsión da delegación. 

"Exiximos ao goberno español que actúe como potencia administradora", dixo Chelo Martínez do Grupo Mixto ao tempo que denunciou a reacción do executivo español que "non fixo nada para impedir nen denunciar" a expulsión da delegación. 

Muro mediático

Desde o Intergrupo amosan a súa "preocupación" pola situación que atinxe o pobo saharauí nos territorios ocupados no marco dun incremento da tensión --tamén militar-- na zona e "a blindaxe" á que "Marrocos ten sometido o territorio do Sáhara Occidental", indican na misiva. Este "illamento", din, "lévanos a temer pola posíbel multiplicación da violencia contra o pobo saharauí nun espazo hermético onde os dereitos humanos cada vez son negados con maior crueldade e son violados a diario", acrecentan. 

O pobo saharauí leva máis de 40 anos agardando estoicamente unha solución

"O pobo saharauí leva máis de 40 anos agardando estoicamente unha solución polo que é precisa toda a presión para pór fin ao conflito dun territorio que non foi descolonizado senón ocupado", apuntan. 

Neste senso, desde o Frente Polisario, Sogaps e o propio Intergrupo subliñan a importancia de rachar ese outro muro" desta volta "mediático" que atinxe o pobo saharauí baixo unha "ocupación ilegal e ilexítima", salientou Habibullah Mohamed Kuri. "O Sáhara non pode agardar máis tempo", concluíu Montse Prado. 

Así mesmo, na misiva instan as institucións internacionais a actuar exixindo que se dea cumprimento ao "mandato estabelecido polo Consello de Seguridade na resolución 6/90 de 1991" e se faga efectiva a convocatoria do referendo de autodeterminación acordado "entre as partes" [Frente Polisario e Marrocos] "hai 25 anos".