Marrocos impide o acceso a unha delegación galega aos territorios ocupados do Sáhara

[Imaxe Montse Prado]

Viaxaban 9 persoas entre parlamentares, xornalistas e integrantes de Sogaps. Foilles impedida a saída do avión por parte de autoridades marroquís e ordenada a súa expulsión. VÍDEOS NO INTERIOR. 

Esta sexta feira (13 de maio) o réxime de Marrocos impediu que unha delegación de representantes do Parlamento de Galiza puidese acceder aos territorios ocupados do Sáhara. Trátase de integrantes do Intergrupo Paz co Sáhara.

 

 

No grupo, composto por un total de nove persoas, viaxaban as deputadas Montse Prado (BNG), Chelo Martínez (Grupo Mixto), Noela Blanco (PSdeG) e os parlamentares Xabier Ron (AGE) e Gonzalo Trenor (PP) xunto con dúas persoas integrantes de Sogaps, Maite Isla e Xosé Henrique Porto, para alén de dous xornalistas. 

Segundo puido saber Sermos Galiza non lles foi permitida a saída do avión ao aterraren no aeroporto de El Aiun onde foron informadas por parte de autoridades marroquís de que non terian acceso a terra.

 

Foron obrigadas a voltar para as Illas Canarias. Prevese a súa chegada ao mediodía, hora insular, cando darán unha rolda de imprensa. 

Imaxe tirada desde o avión no aeroporto de El Aiun tomada pola xornalista Rebeca Romero que viaxa na delegación galega. 

Territorio blindado

En conversa con Sermos Galiza ao baixar do avión de volta nas Illas Canarias a deputada do BNG, Montse Prado, describiu como se desenvolveron os acontecementos. Após aterrar no aeroporto de El Aiun procedentes de Las Palmas varias persoas que "se presentaron como autoridades locais, o vice-alcalde e a autoridade da rexión" indicáronlles que non tiñan "autorización" para acceder a terra "porque non estabamos sendo neutrais" nun conflito "no que hai dúas partes", relatou a parlamentar quen amosou a súa "preocupación" e a da propia delegación polo acontecido. 

Cremos que 40 anos son suficientes para non seguir calando

Prado subliña o "hermetismo" que se está a dar nos territorios ocupados do Sáhara Occidental e o "illamento" ao que está sometida a poboación "permite" a Marrocos "aumentar a violencia e o control" sobre o pobo sahariano. "Non poden nen reunirse", asegura. "El Aiun está a ser un inferno", acrecenta após lembrar que "aproximadamente un cento de observadores internacionais foron expulsos". "Marrocos non quere que se saiba o que está a pasar aquí", apunta. 

A deputada nacionalista lamenta que "a ONU e a comunidade internacional miren para outro lado" mentres "os dereitos do pobo sahariano son violados a diario". Neste senso, lembrou a expulsión de representantes da MINURSO por parte de Marrocos e a reacción das Nacións Unidas que lles deu "tres meses para volver á situación anterior mais non para que a situación mellore". 

A reacción internacional sería moi diferente se cinco parlamentares e dous integrantes dunha ONG fosen expulsos de Cuba

"Cremos que 40 anos son suficientes para non seguir calando", afirmou a parlamentar do Bloque quen se amosou certa de que a reacción por parte da denominada comunidade internacional e mesmo da imprensa sería outra "se 5 parlamentares e dous integrantes dunha ONG tivesen sido expulsos de Cuba". "Marrocos fai isto todos os días e ninguén di nada". 

A delegación do Intergrupo Paz co Sáhara ofrecerán unha rolda de imprensa esta sexta feira na que podería participar tamén a activista sahariana Aminatu Haidar quen se atopa tamén nas Illas Canarias. 

A activista sahariana Aminatu Haidar e a presidenta de Sogaps, Maite Isla, condenaron a expulsión da delegación galega do Aiun.