PRIVATIZACIóN DA SANIDADE

Deficiencias na xestión privada do servizo de mantemento deixa sen calefacción o CHUAC

As queixas acumúlanse nos complexos hospitalarios galegos após o proceso de privatización iniciado pola Xunta de Galiza nos últimos anos. 

 

As deficiencias na xestión daqueles servizos entregados a mans privadas aumentan, as denuncias do persoal fanse públicas mais a Consellaría de Sanidade continúa a ampliar a privatización. 

A última alerta acendeuse no hospital público da Coruña (CHUAC) onde hai 15 días quedaron sen calefacción durante toda a noite. O mantemento das instalacións corre a conta de persoal privado após aplicaren desde a administración o Plan Integral de Eficiencia Enerxética (PIEE) nos catro centros hospitalarios públicos coruñeses. Os operarios abandonaron as instalacións logo de remataren a súa xornada laboral e esqueceron prender a calefacción, que fora apagada durante un control rutinario para a prevención da lexionela. 

O acontecido na Coruña súmase ás ducias de queixas presentadas por todo o país e nas que se reflicte as deficientes condicións sanitarias que deveñen da privatización iniciada pola Xunta. 

O acontecido na Coruña súmase ás ducias de queixas presentadas por todo o país

Sen equipamento nos hospitais

No Hospital de Lugo, o Lucus Augusti, ao fechamento de camas engádese ao material que se atopa fóra de servizo, como no Gil Casares de Compostela. Electrobisturís e equipamento para endoscopias non poden ser empregados pol@s sanitari@s, como tampouco a se pode usar a única incubadora con respirador no hospital do Barco de Valdeorras (Ourense) pola súa falta de mantemento. O mesmo acontece coa sala de raios deste centro comarcal. 

Camas eléctricas avariadas, goteiras, fachadas que se veñen abaixo ou escaseza de persoal son algunhas das consecuencias froito da política sanitaria aplicada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo e que está a deixar en mans privadas boa parte dos servizos non sanitarios dos hospitas galegos. Malia a todo, a deficiente calidade dos servizos contratados á privada e mesmo os incumprimentos nos contratos asinados polas empresas concesionarias non fan recuar o exectivo galego que continúa o proceso privatizador. 

A Consellaría fixo público o prego de condicións para a contratación do persoal non sanitario do novo hospital de Vigo

Privatización do hospital de Vigo

Neste senso, o 4 de decembro, a Consellaría de Sanidade fixo público o prego de condicións para a contratación do persoal non sanitario do novo hospital de Vigo. Estas persoas pasarán a ser persoal contratado pola empresa concesionaria da xestión do Álvaro Cunqueiro --aínda por inaugurar. Entre os servizos non clínicos privatizados atópase a lavandaría, servizo de limpeza, mantemento xeral ou a conservación de vías e xardíns. 

A oferta ten un carácter público e propón que operari@s anteriormente públic@s se trasladen "de maneira voluntaria" ao novo complexo hospitalario, porén as súa contratación xa non será pública senón que pasará a depender da Unión Temporal de Empresas que conseguiron a licitación da xestión hospitalaria viguesa.