Novas privatizacións poñen en risco a sanidade pública e desencadean mobilizacións

Imaxe dunha mobilización de SOS Sanidade Pública

O servizo de loxística dos hospitais e a formación continua súmanse ás privatizacións do PP na Sanidade Pública. Un acto de SOS Sanidade Pública e unha concentración contra a privatización do novo hospital de Vigo son a outra cara da moeda. 

 

A privatización do servizo de loxística dos hospitais e da formación continuada suma chanzos ao proceso de privatización da sanidade pública emprendido polo goberno de Feijóo. SOS Sanidade Pública presentan un vídeo e un documento de denuncia e esta cuarta feira haberá unha concentración contra a privatización do novo hospital de Vigo. 

Douscentos postos de traballo menos supón, segundo a CIG, a privatización do servizo de loxística nos hospitais do Sergas, adxudicado á empresa Severiano Gestión por 100 millóns de euros en 11 anos. O sindicato nacionalista denuncia que a privatización do almacén e subministros dos hospitais conlevará a amortización de prazas e paralización das listas de contratación. “Na maioría dos casos estes megacontratos son por un período de tempo moi longo e as empresas están blindadas contra posíbeis decisións de reverter os servizos ao ámbito público”, sinalan desde a CIG-Saúde, para a cal a privatización está a “hipotecar o futuro da sanidade pública”. Segundo o sindicato, as privatizacións responden á política do PP que beneficia a empresas, “na maioría dos casos ligadas a cargos da propia Administración pública, para faceren grandes negocios a conta da saúde de todos os galegos/as”.

"O servizo de loxística nos hospitais do Sergas adxudicouse á empresa Severiano Gestión por 100 millóns de euros".  

A consellaría de Sanidade afonda tamén o proceso de privatización dos cursos de formación de profesionais do Sergas e destina 228.600 euros no orzamento para 2015 para a contratación dunha empresa privada para que asuma o servizo. Para a CIG-Saúde, este gasto “está enmarcado na política da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, de detraer dos orzamentos públicos diñeiro para empresas privadas sen xustificación algunha”. Até o  de agora, a formación estaba impartida pola Fundación Pública de Formación Sanitaria (FEGAS) e a Escola de Cidadáns para usuari@s. Para María Xosé Abuín, da CIG-Saúde, até o de agora para o PP “reducir custos foi e é recortar dereitos e prestacións sanitarias, o que vai en detrimento da calidade do sistema público de saúde, castigando as persoas con menos recursos”.

Novas mobilizacións

SOS Sanidade Pública convoca para esta cuarta feira un acto público nos locais da Asociación Alexandre Bóveda da Coruña no que presentarán o documento “A sanidade galega está en risco”, alén de informaren do acto que se realizará o 12 de novembro e no que apresentarán un vídeo documentario sobre as privatizacións sanitarias no goberno de Feijóo. 

Tamén esta cuarta feira, a Xunta de Persoal da Área Sanitaria e as traballadores e traballadoras afectad@s pola privatización do hospital de Vigo convocan ás 11:00 unha concentración en coincidencia coa xuntanza da mesa sectorial do Sergas diante da consellería de Sanidade, en Santiago. A privatización atinxe os servizos de mantemento, cociña, lavandaría, limpeza, seguridade e reprografía no novo hospital de Vigo.