O defensor do pobo estatal denuncia "o desbordamento da Sanidade"

Ángel Gabilondo durante a presentación do informe. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
O informe de 2021 da Defensoría do Pobo estatal cuestiona os efectos negativos da atención telefónica aos pacientes, reclamando solucións para un sistema sanitario que cualificou de "desbordado" en varias ocasións".

Ángel Gabilondo, defensor do pobo estatal, entregou onte á presidenta do Congreso, Meritxell Batet, o Informe Anual de 2021, o primeiro que elabora no cargo, abordando unha ampla variedade de temáticas, entre elas, a situación do sistema sanitario, que recibiu múltiples críticas polo “colapso”, especialmente de Atención Primaria, por parte de persoas usuarias, profesionais, sindicatos e forzas de oposición no Parlamento.

No informe, salienta que a sobrecarga de traballo do persoal sanitario “prexudica a calidade e até a seguridade da atención que prestan, amais de incrementar o risco para a súa propia saúde laboral”.

Ademais, fai fincapé nos efectos provocados pola pandemia de Covid-19, que xerou en varios momentos un “desbordamento dos servizos sanitarios, na Atención Primaria ou nos servizos de Urxencia e Emerxencias”, da mesma maneira, “o funcionamento dos hospitais tamén se viu moi alterado”, resolve.

Nese sentido, Gabilondo puxo o foco na necesidade de “recuperar o antes posíbel a atención normalizada”, esgrimindo varios estudos que estiman unha diminución no número de novos cancros detectados polo efecto do SARS-CoV-2 nos servizos sanitarios, e após recibir queixas de familiares de pacientes que precisan unha rehabilitación no hospital tras sufrir, maioritariamente, accidentes de tipo cerebrovascular.

Paralelamente, Gabilondo cuestionou o “grave impacto” de manter as restricións no réxime de visitas e acompañamento de pacientes, indicando que “os hospitais debían estar en condicións de progresar máis cara á normalidade”.

Con respecto á atención telefónica ás usuarias e usuarios, o reporte advirte que “ocasiona unha limitación do contacto persoal que xera maior dificultade para apreciar aspectos importantes do estado de saúde dos pacientes, que serían observábeis a simple vista”.

Ao tempo, criticou o feche de consultorios, “postos en funcionamento para facilitar o acceso equitativo a unha atención sanitaria integral”, o que pode rematar por “comprometer a garantía da calidade asistencial”.

Xa no campo da sanidade nas prisións, o defensor do pobo estatal subliñou que a falta de profesionais é un problema “recorrente” e “de sobra coñecido”, pedindo compromiso por parte da Administración para acabar cos problemas estruturais do sector, como as baixas retribucións, menores que no conxunto da sanidade pública, e lembrando que a situación actual provoca unha maior vulnerabilidade das persoas ingresadas.