A defensa do pobo saharauí ateiga o Obradoiro de lazos solidarios

Encontro en Santiago de Compostela coas familias de acollemento do programa Vacacións en Paz organizado pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. (Foto: Arxina).
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí reuniu entidades, familias, representantes públicos e máis de 200 crianzas procedentes do Sáhara Occidental.

A praza do Obradoiro, en Compostela, acolleu este domingo 20 de agosto, o encontro tradicional impulsado por Solidariedade Galega co Pobo Saharauí en favor da liberdade do Sahara Occidental.

A convocatoria reuniu persoas e organizacións que prestan o seu apoio a unha causa que na Galiza se reivindica desde hai xa 47 anos: "o anhelo de liberación dun pobo que enfronta as consecuencias dunha ocupación militar ilegal por parte de Marrocos", salientaron desde o colectivo.

Vacacións solidarias

O evento contou coa presenza aproveita de 232 nenos e nenas saharauís que son parte do programa 'Vacacións en Paz' e que pasan o verán na Galiza, na compañía de familias acolledoras, un xesto de solidariedade "que transcende as fronteiras e fortalece os lazos de solidariedade e fraternidade".

No encontro participaron distintas organizacións sociais e representantes das forzas políticas locais e autonómicas, deixando claro o apoio da comunidade galega cara á causa saharauí.

"A manifestación eríxese como un símbolo de unidade na loita por un 'Sahara libre', reafirmando o compromiso de todos os presentes na procura dunha solución xusta para o Sahara Occidental", asegura a entidade.

Desde a tribuna, Mohamed Mehdi Zerga, representante da Fronte Polisario na Galiza, destacou a histórica solidariedade do pobo galego. Zerga resaltou o compromiso da Xunta e o seu apoio constante, incluíndo a significativa contribución ao programa 'Vacacións en Paz'. Con todo, tamén instou o Goberno de España a non deixarse influenciar polas políticas de chantaxe de Marrocos e a tomar medidas firmes e asumir a súa responsabilidade en favor da autodeterminación saharauí.

Salimaya Sakhi, deputado da Asemblea Nacional Saharauí, compartiu unha mensaxe de agradecemento. Subliñou a importancia do apoio continuo da sociedade do Estado e o movemento solidario en apoio á persistente loita do pobo saharauí polos seus dereitos e xustiza.

Pola súa parte, Maite Isla, presidenta de Solidariedade co Pobo Saharauí, salientou a tradición desta xuntanza anual, que desde hai 30 anos vén reivindicando a liberdade do pobo saharauí.

Isla recalcou a necesidade dun compromiso político real para alcanzar unha solución no proceso de descolonización do Sahara Occidental, e chamou a atención sobre a necesidade de pór o foco na legalidade internacional e os dereitos humanos.

O "Intergrupo Parlamentario Paz e Solidariedade para o Sahara Occidental", composto por representantes de todas as forzas políticas presentes no Parlamento da Galiza, tamén estivo presente para subliñar a importancia de accións políticas concretas para garantir o cumprimento da legalidade internacional no proceso de descolonización africano.

Ademais, reafirmou o dereito inalienable do pobo saharauí á autodeterminación e independencia.