A defensa do maquinista do Alvia sinistrado en Angrois recorre a condena e pide a libre absolución
O avogado que defende o maquinista Francisco Garzón, un dos dous condenados por 79 homicidios imprudentes polo accidente do tren Alvia ocorrido en Angrois (Santiago de Compostela) en xullo de 2013, recorreu a sentenza e pide a libre absolución do seu cliente. O letrado Manuel Prieto xa presentou o recurso, ao que tivo acceso Europa Press, nunha xornada na que conclúe o prazo estabelecido pola titular do xulgado do penal número 2 de Santiago, Elena Fernández Currás, quen ditou o fallo o pasado mes de xullo.
O outro condenado é Andrés Cortabitarte, ex director de seguridade de Adif, a empresa pública encargada de velar pola seguridade na vía. Fiscalía retirou a súa acusación contra el no último momento e agora confirmou que tamén interporá recurso. Pola súa parte, Renfe tamén recorreu a sentenza relativa ao sinistro ferroviario e solicita a atenuante de reparación do dano para o maquinista.
O recurso do maquinista
No seu recurso de apelación, a defensa de Garzón reclama a libre absolución, "con todos os pronunciamentos favorábeis, ou subsidiariamente estime, que en todo caso, os feitos son constitutivos de falta". A maiores, pide tamén que, se non, "subsidiariamente, estime as alegacións formuladas respecto á aplicación das circunstancias atenuantes modificativas da responsabilidade criminal como moi cualificadas, reducindo a pena imposta en dous graos en todos os seus aspectos, coa estimación do resto de motivos".
Entre os motivos que expón, o recurso apunta a un "erro na apreciación da proba" e denuncia "infracción" dun artigo da Constitución "por vulneración e inaplicación do dereito á presunción de inocencia, e do principio indubio pro reo".
O avogado Manuel Prieto considera que o que estabalece a sentenza en relación a Adif "debería dar lugar á libre absolución do Sr. Garzón Amo dos delitos de homicidio e lesións imprudentes profesionais polos que foi acusado, ou polo menos, en todo caso cualificarse de falta, conforme ao Código penal vixente ao tempo do sinistro, e actualmente despenalizada". E é que, ao seu entender, "a cuestión non era se podía ocorrer senón cando –o descarrilamento–, sendo esta a mesma conclusión á que chega a xulgadora".
Neste sentido, engade que, "conforme á normativa nacional, tanto en materia de seguridade laboral, como ferroviaria, Adif e Renfe eran garantes da seguridade laboral dos traballadores con categoría de maquinistas". Deste xeito, estaban "obrigadas a controlar os riscos creados pola súa actividade e a de terceiros". E, segundo incide "non hai rastro da aplicación da normativa laboral en materia de seguridade polos responsábeis de Adif e Renfe Operadora".
"Adif non tivo en conta ao humano, ao maquinista que vai transitar polas súas vías, de feito recoñeceuse no xuízo que non valoran o factor humano do posto de condución, o cal é unha conduta neglixente e perigosa para a seguridade ferroviaria, como se constatou e recolleito en sentenza", resalta.
Tamén remarca que "o cadro de velocidades máximas (CVM) emitido por Adif era erróneo, non se efectuou unha análise e avaliación do risco do mesmo, non indicaba a realidade da liña, era imposíbel de cumprir tal e como se confeccionou, e é o que crea un risco de exceso de velocidade na curva da Grandeira non controlado, nin mitigado".
Máis motivos
En segundo lugar, o letrado aduce "aplicación indebida" de varios artigos do Código Penal e "infracción por inaplicación indebida" doutros sobre prevención de riscos laborais e regulamento de seguridade ferroviaria.
"Adif non exportou legal e normativamente o risco de descarrilamento por exceso de velocidade na LAV082 a Renfe Operadora, polo que esta non aceptou devandito risco; se a empresa ferroviaria non aceptou ese risco, non se pode trasladar ese risco non aceptado, e que é de Adif, ao traballador ferroviario de primeira liña, ao maquinista, ao Sr. Garzón Amo, que tampouco acepta ese risco, entre outras cuestións porque non ten capacidade, nin competencia para iso", expón.
Nun terceiro punto, o recurso, que incorpora até oito motivos, indica que, con carácter subsidiario, se se considera que Garzón Amo é responsábel "dalgún tipo de responsabilidade penal, os feitos serían constitutivos de falta leve".

