Xuízo do Alvia

A defensa das vítimas e de Garzón cre que Cortabitarte quere "ter vantaxe e gañar tempo" após escoitar o maquinista

Andrés Cortabitarte, esta quinta feira, abandonando a Cidade da Cultura. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
"Quedaron de manifesto as circunstancias de Garzón, que non foi formado, que non circulou nunca pola vía 1 nas condicións do accidente e que tampouco o formaron no tren que ía circular, senón nunha locomotora illada", dixo o avogado do maquinista, Manuel Prieto.

Tanto o avogado do maquinista do Alvia, Manuel Prieto, como o da Plataforma de Vítimas, Manuel Alonso Ferrezuelo, censuraron esta quinta feira a posposición até a próxima quinta, día 13, da declaración do ex alto cargo de Adif imputado no xuízo, Andrés Cortabitarte, porque consideran que así gaña "tempo" para preparar a súa intervención.

En concreto, ao concluír a declaración do maquinista, Francisco José Garzón, a defensa de Cortabitarte solicitou pospor a súa —que estaba prevista para esta mesma quinta feira—, alegando o golpe que lle propinara na cuarta o pai dunha das vítimas mortais á saída da sesión de cuestións previas. A xuíza, Elena Fernández Currás, accedeu a esta petición "para que poida reporse" tras este incidente.

O avogado de Garzón, Manuel Prieto, en declaracións á prensa ao concluír a segunda xornada do xuízo, queixouse de que o outro acusado "sacase isto", en alusión á agresión. "Protestei e díxenlle [á xuíza] que se [Cortabitarte] ía facer isto e se sabía desde o principio, que se deixasen as dúas declaracións para o próximo día", criticou.

Prieto recoñeceu que ao ex responsábel de Seguridade de Adif non lle facía falta presentar ningún parte de lesións porque "a agresión ou o toque" que lle propinou o pai dunha das vítimas foi "público" e está gravado polos medios. Con todo, deduciu que, logo do testemuño achegado polo maquinista, os representantes de Cortabitarte "necesitan tempo para preparar outra declaración que a que tiñan xa preparada". Para a defensa de Garzón, Cortabitarte "quere ter vantaxe" pero "vaille valer de pouco", porque "o tema está moi claro".

Así, destacou a declaración do seu defendido: "Quedaron de manifesto as circunstancias de Garzón, que non foi formado, que non circulou nunca pola vía 1 —formárase pola vía 2— nas condicións do accidente e que tampouco o formaron no tren que ía circular, senón nunha locomotora illada". Prieto mostrouse "satisfeito" porque as palabras do maquinista deixaban clara "a carencia e a orfandade das medidas de seguridade" na infraestrutura.

"Gaña unha semana"

Na mesma liña, Manuel Alonso Ferrezuelo, avogado da Plataforma de Vítimas do Alvia 04155, lamentou que a defensa de Cortabitarte busque "aproveitar unha circunstancia" que, aínda que "nunca" vai xustificar, permítelle "gañar unha semana para preparar a conciencia a súa declaración en función do que declarou Garzón". O maquinista, subliñou o letrado, "deu datos moi precisos sobre a sinalización na vía". "E aí é onde está, para nós, parte da responsabilidade do señor Cortabitarte", engadiu.

Alonso Ferrezuelo insistiu en que a declaración do ex alto cargo de Adif "podía facerse mañá [por esta sexta feira], que para iso estaba o día habilitado" de acordo co calendario. Pero a xuíza, sen acordalo "con ninguén", decidiu deixala para o día 13. Preguntado sobre se o maquinista, na súa comparecencia desta quinta, eludira asumir o seu propio erro —"Non puiden evitalo", chegou a asegurar Garzón—, o avogado das vítimas explicou que el recoñece isto "desde o momento que dixo que se desubica" mentres manexa o convoi.

"Entón, como na vía non hai nada que lle indique que ten que reducir a velocidade, el fíxose a si mesmo unha referencia e con esa chamada [co interventor de Renfe] perdeuse esa referencia", resumiu. Por iso, Alonso Ferrezuelo recalcou que o maquinista "vai cumprindo cos sinais" que hai instalados. "Niso non se lle pode dicir nada. Que non cumpre co libro de velocidades? Por suposto, por iso o imputamos e imos pedir a súa condena", recoñeceu finalmente.

Tamén o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, concluíu que o ex responsábel de Adif o que conseguiu é "gañar tempo e que se poña de vítima con 80 mortos", algo que "é lamentábel". "Onte [pola cuarta feira] houbo un lapote e non se pode permitir, é intolerábel, pero alguén que perdeu á súa filla... Hai que porse na súa pel. Eu falei con el e pediu perdón. Nós pedimos perdón por un lapote e esta persoa, con 80 mortos, con todo o que sabemos, coa cadea de chapuzas e neglixencias que fixo, non se dignou a pedir perdón", censurou.

Para Domínguez, "o máis importante" da intervención de Garzón é que "se demostran unha vez máis as présas que houbo por inaugurar" a liña de alta velocidade e que a formación que recibiu o maquinista "foi pola vía 2, na que o semáforo estaba en amarelo" e na que "o accidente nunca ocorrería".

"Unha vez máis pediu perdón. Nós somos un colectivo con todo tipo de sensibilidades. Haberá xente que o perdoe e haberá xente que non, é un tema que eu non podo valorar", sentenciou Domínguez, preguntado polas palabras de perdón pronunciadas polo maquinista.