Xuízo do Alvia

Pospoñen a declaración do ex director de Seguridade de Adif para que "poida reporse" do golpe na cabeza que lle deu unha das vítimas

Andrés Cortabitarte e os seus avogados chegando á Cidade da Cultura para a segunda xornada polo xuízo de Angrois. (Foto: Europa Press
A súa declaración terá lugar o vindeiro 13 de outubro.

A maxistrada Elena Fernández Currás, responsábel do xuízo polo accidente do tren Alvia en Angrois hai nove anos, anunciou esta quinta feira a posposición até o 13 de outubro da declaración do ex director de Seguridade de Adif no momento do sinistro, Andrés Cortabitarte.

Así o comunicou a xuíza ao termo da declaración do maquinista, que escusou pospor a declaración de Cortabitarte até a vindeira semana para que “poida recuperarse” do golpe na cabeza que lle propinou o pai dunha das vítimas mortais de Angrois.

O calendario previsto polo tribunal reservaba tanto a quinta como a sexta feira para a comparecencia do antigo dirixente de Adif, pero o seu avogado asegurou á xuíza que "aínda segue afectado polo que sucedeu onte [5 de outubro]".

"Pedimos que poida declarar a próxima semana", dixo o letrado do ex directivo ao que se lle imputan, xunto co maquinista Francisco Garzón, 80 presuntos homicidios e 145 delitos de lesións por imprudencia profesional grave. Cortabitarte era o encargado de velar pola seguridade na vía.

A xuíza detallou que a declaración do ex director de Adif será "notabelmente máis longa" que a de outras partes implicadas. A continuación, asegurou que "existen días máis que suficientes" para que este interveña ante o tribunal, polo que finalmente acordou aprobar o aprazamento da súa declaración.

Modificación do dispositivo policial

Precisamente, o dispositivo policial fora modificado para esta segunda xornada do xuízo co obxectivo de tratar de incrementar a seguridade e evitar que se vivisen incidentes semellantes aos da cuarta feira.