SOCIAL

Defensa da Ría esgrime ante a resolución da AN que hai "razóns abondo" para fechar Ence

Marcha convocada pola APDR en xuño de 2019 (Jesús Fernández/EP).
Desde a Asociación Pola Defensa da Ría defenden que a resolución da Audiencia Nacional sobre o seu recurso "non fai mudar en absoluto a situación da empresa" en Lourizán. 

A Asociación Pola Defensa da Ría (APDR) critica a "actitude triunfalista" de Ence diante do fallo da Audiencia Nacional que desestima o recurso presentado por este colectivo que vela polos intereses da ría de Pontevedra sobre a caducidade da concesión á fábrica de celulosa. 

Para a APDR, Ence "pretende converter nun éxito" un fallo que "era agardado", e que "non fai mudar en absoluto a situación da empresa no que á súa continuidade en Lourizán se refire". Neste sentido, lembran que a Audiencia Nacional xa desestimou un recurso que perseguía o mesmo obxectivo presentado polo Concello de Pontevedra.

Antón Masa, presidente da APDR, defende nun comunicado que "existen razóns abondo para decretar a caducidade total de Ence" e que eses motivos son "similares" aos que se consideraron para declarar a caducidade da concesión á fábrica de cloro Elnosa, que compartía espazo na ría de Pontevedra coa celulosa.  

Sobre a resolución da Audiencia, lamentan que non se lle dese "un tratamento de maior calado e consideración" aos "incumprimentos das condicións medio ambientais" que recollían no seu recurso e que "figuran como obrigas" no título da concesión a Ence. Así, estudarán a posibilidade de recorrer esta sentenza diante do Tribunal Supremo.