Defensa da Ría pide que se investigue se Ence está tras un episodio de mortaldade de peixes na Ría

(APDR)

A Asociación pola defensa da Ría de Pontevedra (APDR) denunciou na Policía Local e o 112 a presenza dunha “importante cantidade de peixes mortos” no tramo que vai desde Obras do porto á Casa do Mar, “con algúns exemplares flotando entre esa zona e a zona de Tambo”.

“Evidentemente, na APDR descoñecemos a magnitude do problema que poida ter ocorrido nesta ocasión en ENCE e, xa que logo, as consecuencias no medio; en calquera caso, as experiencias vividas en ocasións anteriores, permítennos poñer no peor dos escenarios; neste sentido, e con toda a cautela do mundo, preguntámonos: terá algo que ver o máis que posíbel mal funcionamento nas instalacións da fábrica de Lourizán coa presenza de peixes mortos nas augas da Ría?”.

A asociación cre que é difícil achacar esta mortaldade a causas naturais”. Lembran que nesa zona a causa máis fecuente de mortaldade é a achega puntual de fortes cantidades de aiuga doce desde o Lérezmais que iso non aconteceu nesta ocasión:

“Así pois, na APDR entendemos que estamos diante dunha causa de mortaldade non natural. Neste sentido -e sen desbotar ningunha outra posíbel- non semella ilóxico pensar que detrás deste episodio estea -máis unha vez- a man de Ence”.