Defensa da Ría conmemora os 20 anos da condena a Ence coa vista posta en dar "puntilla definitiva" á pasteira

O acto decorreu no Centro Social Gorgullón, Pontevedra (Foto: Federación Ecoloxista Galega)
En novembro de 2002 a Audiencia Provincial de Pontevedra condenou seis directivos da pasteira por delito ecolóxico continuado.

A Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra celebrou este sábado os 20 anos da sentenza na que Ence foi condenada por delito ecolóxico continuado, unha conmemoración que se realizou esperando que o Tribunal Supremo dea a "puntilla definitiva" á pasteira cando se pronuncie sobre o recurso á decisión da Audiencia Nacional que anulou a prórroga concedida á factoría en 2016 para permanecer en Lourizán.

"De non ser por aquela denuncia", lembrou o presidente da APDR, Antón Masa, sobre o xuízo en novembro de 2002 na Audiencia Provincial de Pontevedra que condenou seis directivos da pasteira, "non chegariamos onde estamos", destacou. "Elnosa xa non está", sinalou sobre a empresa química, "e Ence para nós ten os días contados", afirmou.

Nun faladoiro na que participou tamén o avogado da APDR, Vicente García Legísima, Masa sinalou que hai 20 anos vían "moi difícil" conseguir unha sentenza condenatoria e ao que aspiraban era a "sentar no banco dos acusados" os responsábeis da fábrica.

"En cambio, logramos o máximo, en canto a que o que dicía a APDR sobre que Ence e Elnosa contaminaban por riba do que permite a normativa, dicíao a lei", engadiu o presidente do colectivo ambiental.

Dúas décadas despois, Antón Masa destacou que "máis aló de que Ence contamine ou non, quedou probado que non pode permanecer en dominio público marítimo-terrestre, como ditaminou a Audiencia Nacional", algo que o Tribunal Supremo "ten que ratificar", confiou. Con todo, Masa advertiu que "Ence ten os brazos longos" e, aínda que desde a APDR confían na xustiza, non se "fían" dela.

A compañía pasteira Ence rexistrou unhas ganancias de 44,7 millóns de euros no primeiro semestre do ano, deixando así atrás os 'números vermellos' de 195,2 millóns de euros no mesmo período do exercicio anterior, pola alza do prezo da celulosa, segundo informou a empresa á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).

Pola súa parte, a dirección de Ence cualificou de "inexplicábel" a celebración da APDR sobre a condena a "unha empresa do pasado que nada ten que ver co que hoxe é Ence", en alusión ao seu accionariado, a súa actividade e os seus valores.

Nun comunicado, a factoría expresou o seu "sólido compromiso coa sustentabilidade e o coidado e respecto ao medio ambiente", ademais do "rigoroso cumprimento de toda a normativa vixente desde hai máis de 20 anos".