Declarado "ambientalmente viábel" o parque eólico Feás, o terceiro autorizado dos seis previstos no monte do Gato

Mapa cos seis parques eólicos que proxectan Greenalia e Galenergy no Monte do Gato e as zonas da Reserva da Biosfera. (Foto: Nós Diario)
Os proxectos denominados O Gato e Felga, impulsados por Greenalia neste emprazamento dentro da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo, recibiron xa a DIA favorábel. Pola contra, obtivo un informe negativo Fontella, de Galenergy, mesma compañía que a que promove Feás.

A pasada semana o Diario Oficial da Galiza daba conta da declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorábel para o proxecto eólico denominado Fontella, un dos seis proxectados conxuntamente no monte do Gato (As Mariñas) por Greenalia e Galenergy, promotora do devandito parque rexeitado. Previamente, porén, Medio Ambiente autorizara os aeroxeradores de Felga e O Gato, ambos os dous de Greenalia. E agora vén de dar luz verde ambiental a un terceiro parque eólico neste emprazamento, Feás, de Galenergy.

Así o recolle o DOG esta quinta feira, aludindo a unha resolución da dirección xeral de Calidade Ambiental asinada o pasado 28 de decembro. O proxecto Feás prevé a instalación de oito aeroxeradores, nos termos municipais de Aranga e Coirós, cunha potencia total instalada de 40 megawatts (MW) que producirían, segundo as estimacións da compañía, 124.725 MWh anualmente. Ou, o que é o mesmo, o equivalente ao consumo eléctrico de 39.000 fogares ao longo dun ano, segundo as estimacións de Rede Eléctrica de España —cada vivenda consome de media 3,2 MWh/ano—.

Os "efectos significativos" das infraestruturas do parque eólico Fontella sobre a zona 'núcleo' da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo propiciou a declaración do proxecto como "non viábel" ambientalmente. Non así no caso de Feás, que a diferenza do anterior ficaría inmerso non no núcleo da reserva, senón na zona denominada de 'transición', cun impacto, por tanto, que o Goberno galego considera compatíbel coa preservación dos valores naturais.

Os aeroxeradores proxéctanse tamén dentro do ámbito de actuación do plan de recuperación da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher), ave recollida no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) e considerada en perigo de extinción. Segundo o informe da dirección xeral de Patrimonio Natural, con todo, "non se prevé ningunha afección sobre a especie ao non confirmarse a existencia de ningún humidal no ámbito de actuación".

No que atinxe á protección da avifauna, tanto da escribenta como doutras especies presentes como a gatafornela (Circus cyaneus) ou a tartaraña cincenta (Circus pygargus), a DIA dispón que se realizarán as "comprobacións necesarias" para determinar previamente a existencia ou non de parellas reprodutoras na área de afección directa do parque Feás. Tamén se levarán a cabo, recolle o documento, controis periódicos "para verificar a eficacia das medidas adoptadas e detectar a existencia ou non de afeccións sobre a pequena fauna" e, no caso de detectar "unha incidencia negativa", procederíase a "adoptar medidas correctoras" a posteriori.

Na documentación previa achegada pola empresa constátase tamén a presenza dentro da área que abrangue a poligonal de quince mámoas, un conxunto medieval, un petróglifo, alpendres e hórreos, así como a necrópole megalítica do monte do Gato. O departamento de Patrimonio Cultural da Xunta emitiu finalmente un informe favorábel entendendo que o impacto sobre estes elementos e mais sobre a paisaxe era compatíbel.

A veciñanza pide paralizar todos os proxectos no Gato

Desde a asociación veciñal Aire Limpo nas Mariñas-Mandeo demandaban a pasada semana, após coñecer a resolución negativa para o proxecto Fontella, a paralización dos outros parques eólicos pendentes de obter a autorización ambiental, tanto o xa aprobado Feás como Penas Boas e Seselle, de Greenalia e Galenergy, respectivamente.

"Queremos deixar patente o sen sentido que supón que a Consellaría de Medio Ambiente informe negativamente sobre o polígono eólico de dez aeroxeradores [Fontella] que afectan directamente o núcleo e permita que se constrúan outros 27 muíños de 200 metros rodeando este", defenderon entón desde o colectivo.

Fan alusión desde Aire Limpo tanto ao impacto sobre a reserva da biosfera, soterrando o cableado dos parques "entre medias dos nacentes e caudais de auga que alimentan as turbeiras" e "rompendo as paisaxes recollidas polos seus valores estéticos e naturais no Catálogo de Paisaxes da Galiza".

E sinalan tamén que nas DIA emitidas até o de agora "seguen a omitirse bens arqueolóxicos" como petróglifos ou a Torre de Teodomiro, declarada ben de interese cultural (BIC), "que despois de ser ignorada nos tres proxectos de Greenalia segue sen nomearse en ningunha das DIA publicadas".