Medio Ambiente tomba tres parques eólicos de Greenalia, Galenergy e Sociedad Eólica de Ourol: estes son os motivos

O Goberno galego non considerou viábel un dos seis parques eólicos do monte do Gato. (Foto: Nós Diario)
A Consellaría resolve cunha DIA desfavorábel os proxectos Campos Vellos (Greenalia), en Beariz e Boborás; Ampliación de Vilachá (S. E. de Ourol), en Muras e Ourol, e Fontella (Galenergy), no monte do Gato de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras.
  1. Campos Vellos (Greenalia)
  2. Vilachá (Sociedad Eólica de Ourol S.L.)
  3. Fontella (Galenergy)

Ao longo do pasado ano a Consellaría de Medio Ambiente resolveu máis dunha trintena de expedientes referidos a parques eólicos, dos cales só sete resultaron desfavorábeis ao entender que as instalacións proxectadas non eran "ambientalmente viábeis". Dos catro primeiros —Albariño I e O Merendón, na serra da Groba, e Mancelo e Puza, na do Suído— xa tiñamos coñecemento; os tres restantes recolleunos esta cuarta feira o Diario Oficial da Galiza (DOG).

En concreto, a dirección xeral de Calidade Ambiental acordou formular a declaración de impacto ambiental (DIA) negativa, en senllos documentos asinados con data do 5, 7 e 9 de decembro, respectivamente, para os proxectos denominados Campos Vellos, Vilachá (ampliación) e Fontella.

Campos Vellos (Greenalia)

O primeiro deles promovíao Greenalia nos termos municipais de Beariz e Boborás, e prevía a instalación de seis aeroxeradores cunha potencia total instalada de 30 megawatts (MW).Segundo expón a propia DIA, o parque eólico Campos Vellos tería potenciais "repercusións negativas sobre a saúde da poboación" e por ser "incompatíbel coa preservación dos valores naturais da contorna".

Neste senso, a dirección xeral de Patrimonio Natural, durante a fase de tramitación, constatou que o estudo de impacto ambiental achegado pola enerxética con sede na Coruña "presenta carencias acusadas que impiden dar por válida a identificación, descrición, análise e cuantificación feita dos posíbeis efectos significativos do proxecto sobre o conxunto de elementos do patrimonio natural e a biodiversidade", que correrían un importante risco.

"Non se pode aceptar que un inventario, no que só se detecta a presenza dun exemplar de Accipiter nisus e outro de Corvus corone ao longo de todo un ano, sexa reflexo da realidade. Por non aparecer, non se detecta nin un só exemplar de Buteo buteo, rapaz amplamente distribuída por todo o territorio [...] Obsérvase un nivel de detección asombrosamente baixo. Os datos contrastan mesmo cos que vén presentando o mesmo promotor", expón o documento, que recolle que tamén a dirección xeral de Saúde Pública apuntou á "insuficiente ou inexistente" información achegada ao respecto.

Vilachá (Sociedad Eólica de Ourol S.L.)

Outro dos proxectos de enerxía eólica desbotados pola Consellaría de Medio Ambiente é a ampliación do xa operativo —catro turbinas— Vilachá, promovido por Sociedad Eólica de Ourol S.L. entre os municipios de Muras e Ourol. O obxectivo era situar un novo muíño dentro da poligonal, de 4,2 MW de potencia.

Do mesmo modo que co proxecto de Greenalia, o departamento de Patrimonio Natural resolveu que os informes presentados pola compañía de Ourol presentaban "carencias acusadas que impiden dar por válida a análise feita dos posíbeis efectos significativos".

Fontella (Galenergy)

Finalmente, o DOG informa da DIA desfavorábel para o parque eólico Fontella, unha iniciativa de Galenergy que faría parte do 'macrocomplexo' proxectado sobre o monte do Gato, nun lugar amparado pola distinción de Reserva da Biosfera' que abrangue os termos municipais de Aranga, Coirós e Oza-Cesuras. Tres son desta mesma compañía —o anteriormente citado, Seselle e Feás—, e os tres restantes promóveos Greenalia —O Gato, Felga e Penas Boas, os dous primeiros declarados xa ambientalmente viábeis—.

A respecto do rexeitamento do parque Fontella —dez aeroxeradores e 50 MW—, entende Medio Ambiente que, tanto a nivel de impacto visual e sobre diferentes áreas de interese paisaxístico como no que atinxe aos danos sobre o medio natural e os animais que o habitan, as afeccións serían demasiado elevadas.

Os muíños, de feito, ergueríanse na denominada 'zona núcleo' desta Reserva da Biosfera —tal e como xa alertara Nós Diario en maio de 2021—, espazo no que "non se deben instalar parques eólicos" a fin de "garantir a preservación da diversidade biolóxica e os ecosistemas".