A declaración de impacto ambiental do parque eólico de monte Festeiros pide proteción para o mosteiro de Aciveiro

Parque eólico no Monte Seixo na Serra do Cando. (Foto: Carlos Solla).
O estudo fíxose sobre a instalación dun parque eólico promovido por Monte Festeiros SL, de 48 megawatts (MW) de potencia total distribuídos en 10 aeroxeradores de ata 5,6 megawatts de potencia nominal.

A declaración de impacto ambiental do parque eólico de Monte Festeiros, que afecta os concellos de Silleda e Forcarei inclúe a necesidade de tomar medidas específicas de integración e protección na contorna do mosteiro de Aciveiro.

O estudo fíxose sobre a instalación dun parque eólico promovido por Monte Festeiros SL, de 48 megawatts (MW) de potencia total distribuídos en 10 aeroxeradores de ata 5,6 megawatts de potencia nominal.

A integración paisaxística

Así, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) sinala, en canto á integración paisaxística, e en concreto coas barreiras vexetais, que se deberá estudar necesariamente a localización na contorna do mosteiro e proximidades "para reducir a incidencia visual dos aeroxeradores".

No mesmo epígrafe, recóllese que para reducir a incidencia visual da subestación, deberase manter unha franxa de vexetación autóctona no seu perímetro.

Saúde humana

Pola súa parte, en canto á posíbel afección do proxecto sobre a poboación e a saúde humana en relación co efecto parpadeo de sombras (shadow flicker) durante a fase de funcionamento do parque e, en consonancia co recollido na documentación, nos potenciais receptores non se poderá superar as 30 horas de exposición.

Respecto diso, engade que se deberán adoptar as medidas mitigadoras oportunas (por exemplo, a instalación de barreiras ou pantallas) ou programar paradas temporais se se supera o limiar recomendado.