Xornalismo

Sermos Galiza celebra dez anos: "Recibimos moitas presións por informar de cuestións das que outros medios non se atreven"

María Obelleiro, directora de Nós Diario, puxo en valor o traballo da redacción do xornal e das persoas colaboradoras, e agradeceu o "grande esforzo" das e dos subscritores. (Foto: Nós Diario)
A empresa editora de 'Nós Diario', Sermos Galiza SA, celebrou este sábado o décimo aniversario nun acto que contou coas actuación de Celso Sanmartín e Su Garrido e no que se puxo en valor o traballo da redacción e das colaboradoras e colaboradores do xornal e mais o apoio das persoas subscritoras, que fan posíbel o único diario integramente en galego.

O 8 de xuño de 2012 chegou aos quiosques por vez primeira o semanario Sermos Galiza. Desde entón moitas cousas mudaron, a comezar por unha pandemia que alterou durante un longo tempo a nosa forma de interactuar socialmente.

E tamén mudaron cousas no Sermos, houbo altas e baixas no cadro de persoal e mais no Consello de Administración. Mais, tal e como lembrou este sábado o presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza SA, Xoán Costa, hai algo que nunca mudou: "O noso compromiso a prol dun espazo de comunicación galego, entendendo por tal aquel que coloca o galego como única lingua de comunicación e a Galiza como miradoiro desde o cal ollar o propio país e tamén o mundo".

Xoán Costa, conselleiro delegado de Sermos Galiza SA.

Costa pronunciou estas palabras no marco do acto de celebración do décimo aniversario de Sermos Galiza SA, que se celebrou na mañá deste sábado na Nave de Vidán (Compostela). Ao evento asistiron tamén a directora deste xornal, María Obelleiro; o subdirector, Alberte Mera, membros da redacción e persoas subscritoras e colaboradoras de Nós Diario.

Aliás, Celso Sanmartín, poeta e contacontos, e mais Su Garrido, cantante e compositora, amenizaron o evento coas súas actuacións.

Acto polo décimo aniversario de Sermos Galiza, na nave de Vidán de Compostela.

"O que mellor lle acae a todo o período que vai de 2012 a 2022 é un texto do José Afonso, aquel titulado 'A formiga no carreiro' e que nun verso di: 'A formiga no carreiro vinha em sentido diferente'. Aí, en sentido diferente, está o xornalismo que fai Nós Diario e Sermos Galiza", engadiu Costa.

Ese "sentido diferente", dixo, reflíctese "presentando a información en sentido diferente á que maioritariamente se ofrece da Galiza, unha información, a deses medios,  que mostra un país, unha sociedade, unha cultura vista sempre desde fóra".

"Ir en sentido diferente é sermos nós quen nos poñemos no mapa da dignidade fronte a quen nos quere pór no mapa da submisión e da dependencia", subliñou Xoán Costa

"Ir en sentido diferente é arbitrar mecanismos para ser nós quen defina e quen exporte a nosa imaxe de nación, sermos nós quen nos poñemos no mapa da dignidade fronte a quen nos quere pór no mapa da submisión e da dependencia", subliñou, en alusión ás palabras do presidente da Xunta dicindo que a visita do rei emérito puña "a Galiza no mapa". "Este proxecto, señor presidente, si pon a Galiza no mapa", precisou Xoán Costa.

Pola súa parte, María Obelleiro agradeceu o "grande esforzo" das persoas subscritoras, "que apostaron neste proxecto hai dez anos e seguen a facelo a día de hoxe", e cuxa axuda, precisou, "é unha das nosas principais fortalezas".

A directora de Nós Diario subliñou que o traballo diario no xornal "non é doado", dado que "xogamos en desvantaxe a respecto doutros medios de comunicación" e "non  temos a infraestrutura que teñen eles". Por iso, quixo pór en valor "todas as persoas que fan parte da nosa redacción e as nosas colaboradoras e colaboradores".

"A Xunta vétanos nunhas axudas que si reciben outros medios que non empregan o galego como lingua vehicular", apuntou María Obelleiro

"Xogamos en desvantaxe, en primeiro lugar, a nivel económico. Se conseguimos estar aquí, avanzar e consolidarnos é grazas a todas as persoas que apostastes neste proxecto hai dez anos e a día de hoxe, porque, como sabedes, os grandes poderes, empezando pola Xunta da Galiza, téñennos vetado á hora de recibir axudas económicas malia cumplirmos os criterios das convocatorias". Unhas axudas, matizou, "que si reciben outros medios que non empregan o galego como lingua vehicular".

Porén, Obelleiro precisou que as dificultades no día a día non veñen só no plano económico, senón tamén por mor de "todas as presións que recibimos no día a día, mesmo ameazas e denuncias formais, por informar de cuestións das que outros medios non se atreven a informar".