Máis de 1.000 hectáreas calcinadas en Monterrei, Verín e Viana do Bolo

Unha brigada rega o perímetro dunha zona de difícil acceso en Flariz, Monterrei [BrifLaza].
O incendio de Monterrei, o máis grande na Galiza no que vai de tempada, continúa activo mais estabilizado. Os de Verín e Viana do Bolo foron extinguidos este domingo.

O incendio de Monterrei, que xa arrasou 720 hectáreas converténdose no de maior envergadura no que vai de verán na Galiza, continúa activo segundo informa a Consellaría do Medio Rural.

O lume afecta á parroquia de Flariz e na madrugada do sábado obrigou a activar a alerta por proximidade de vivendas, ficando fóra de risco a primeira hora da mañá dese mesmo día. Parte dos terreos queimados son de uso agrícola, indica Medio Rural.

Pola súa banda, están extinguidos os incendios de Viana do Bolo e Verín após queimaren case 355 hectáreas.

O de Viana do Bolo deixou afectada unha superficie de 210 hectáreas, das que 159 son de monte raso e o resto, arboredo. O Goberno galego apunta a unha orixe intencionada neste caso, posto que se rexistraron até cinco focos diferentes a cuarta feira.

Pola súa banda, o de Verín calcinou case 144 hectáreas, das que 105 son arboredo.