27 días en alto risco de lumes e a Xunta non rematou a roza

Aínda está sen completar o desbroce de estradas (Imaxe: Xunta)
A Galiza leva xa 27 días en tempada de alto risco de incendios e atópase agora en situación de nivel exremo de perigo de lumes. Porén, fican áinda sen rematar os traballos de prevención e desbroce por parte da Xunta. 

Galiza atópase esta segunda feira, 27 de xullo, en nivel extremo de risco de incendios, estando todo o país, salvo o terzo norte, na escala máis alta de perigo de lumes forestais, segundo o mapa do índice de risco diario de incendios (IRDI), difundido pola Consellaría de Medio Rural, e que atende factores como a falta de precipitacións, o estado do monte e as condicións de humidade, a temperatura e mais o vento.
Sálvanse desta situación a Costa da Morte, que se atopa en perigo moderado, así como a comarca da Mariña. E coa Galiza neste contexto, e levando xa 27 días en tempada de alto risco de incendios, están sen completar os traballos de prevención e desbroce por parte da Xunta. 

De facto, a Administración galega continúa coa roza e limpeza das marxes de estradas, prevendo aínda rematar as tarefas ao longo desta semana. Así o anunciou nun comunicado o Goberno galego, recoñecendo que os desbroces continúan estes días nas estradas de dominio público de Noia, Fisterra, Lugo, Terra Chá, O Condado e Pontevedra, uns traballos que se centran en retirar especies que son propensas a propagar o lume e en facer rozas para completar o labor ordinario de conservación das vías e reducir progresivamente o uso de herbicidas.

O obxectivo é previr incendios e reforzar a seguridade viaria, indicou a Xunta no seu comunicado. Medio Rural descartaba a finais do mes de abril que a tardanza das tarefas de desbroce das franxas secundarias por mor do confinamento e do estado de alarma, incidise nun maior risco de incendios este ano na Galiza. 

Desta maneira, aseguraba a Xunta que o feito de ampliar o prazo para realizar as limpezas até o 31 de xullo, en lugar de até o 31 de maio, como estaba previsto, non ía implicar maior perigo para o monte galego. 

Incendio de Monterrei

O conselleiro de Medio Rural, José González, sinalou esta segunda feira, 27 de xullo, que había unha "intencionalidade clara" detrás dos incendios que afectan a zona de Monterrei, ao tempo que afirmou que o lume se atopaba estabilizado, que non controlado. O de Monterrei arrasou xa máis de 720 hectáreas, converténdose no de maior envergadura no que vai de verán na Galiza.A este respecto, o conselleiro sinalou que a Policía Autonómica vixía "91 persoas" como incendiarios recorrentes.