ALEJANDRO GóMEZ, ESPECIALISTA EN VIOLENCIA MACHISTA DO SUP

"Os cursos de formación policial sobre violencia machista son de cinco mañás"

[Imaxe Cuerpo Nacional de Policía]

A ratio de policías por muller en situación de violencia supera a normativa. "En Vigo hai 1 por cada 90", sinala. 

 

Esta segunda feira o Ministerio do Interior deu a coñecer a cifra de mulleres que, após denunciaren atoparse en situación de violencia machista, fan parte do Sistema de Seguimento Integral de Violencia de Xénero (VioGén). Unha "ferramenta informática" coa que se procede á avaliación policial do risco" através de "aproximadamente 30 preguntas tipo", explica Alejandro Gómez, integrante do Sindicato Unificado de Policía (SUP) e especialista en violencia machista. 

Segundo os dados oficiais na Galiza contabilízanse 22.576 vítimas con data do 31 de decembro de 2015. O sexto territorio en números totais após Andalucía (87.074), Madrid (64.842), País Valenciá (53.838), Catalunya (43.992) e Canarias (27.815). 

De entre os casos activos (2.934) foron valorados con risco Extremo (3), Alto (10), Medio (216), Baixo (727) e Non apreciado (1978). A meirande parte dos casos fican pois inactivos. Isto é, enténdese que "por determinadas circunstancias considérase que, temporalmente, non é preciso que sexan obxecto de atención policial". 

Na Galiza contabilízanse 22.576 vítimas con data do 31 de decembro de 2015 dos que só 2.934 son casos activos

Un formulario despersonalizado

"É un sistema informático non personalizado", afirma Gómez en relación ao cuestionario, "baseado en preguntas tipo" que fican á interpretación policial "sen ter formación específica na materia". "Este é o principal fallo", apunta o axente en conversa con Sermos Galiza

As denuncias son recollidas nas comisarías por "policías de garda" que non contan coa formación suficiente. "Os cursos específicos" para ter unha praza nas unidades especializadas ou Unidades de Prevención, Asistencia e Protección (UPAP) son "de cinco mañás en Madrid", explica, destinadas fundamentalmente á aprendizaxe do funcionamento do Sistema VioGén. "Os demais [axentes] non teñen nada". 

No ano 2014 o Observatorio sobre violencia machista do Consello Xeral do Poder Xudicial deu conta de 15 mulleres asasinadas que presentaran denuncia. Deses casos, en 14 ocasións a policía non cualificou como un risco elevado e mesmo se reduciu nalgunha ocasión de "baixo" a "non apreciado". Desde o consello alertaron da existencia de fallos evidentes nas ordes de protección. 

A Xunta de Galiza non se adheriu a VioGén até 2015 embora crearse en 2007 

E é que VioGén foi creado no ano 2007. Porén, a Xunta de Galiza non tivo acceso a el até novembro de 2015 após asinaren un convenio a Vice-presidencia e o Ministerio de Interior para o Punto de Coordenación de Ordes de Protección do goberno galego se integrar na base de dados. Un feito que tampouco aconteceu noutros territorios como Castela e León, Andalucía, La Rioja, Madrid, Asturies ou Extremadura até a pasada lexislatura. Aliás, apenas 260 concellos do todo o estado asinaron convenios de colaboración con Interior, neste senso. Dun total de 8.122 admnistracións locais, representan o 3,2%. 

VioGén constitúe unha base de dados na que se cruza a información entre os distintos corpos de seguridade, entre outras cuestións, para saber se existen máis denuncias, medidas xudiciais adoptadas, ao tempo que efectúa avisos, alertas e alarmas através dun sistema de notificacións automatizadas cando se detecta algunha incidencia, acontecemento ou circunstancia que poida pór en perigo a vítima. 

Sen axentes 

Cando se require de seguimento policial os medios non cumpren coa normativa. Neste senso, cumpre unha ratio de "1 axente por cada 10 mulleres" en situación de violencia machista, explica Alejandro Gómez. Porén, "en Vigo hai un policía por cada 90 mulleres". Situación que se repite nas demais cidades sendo o promedio de 1/60. 

A ratio de policías por muller é de 1/60 cando a normativa fixa 1/10

"É imposíbel que o traballo sexa eficaz", asegura. En boa medida porque os recursos cos que contan son "un teléfono móbil" co que faceren un seguimento telefónico das mulleres. 

"Criminalízase a muller por non denunciar sen saber que estamos a facer nós como sociedade", salienta. "Se a sociedade non me apoia non vou denunciar", di o axente. "Invístense moitos recursos" mais "sen coordenación entre administracións é difícil usalos eficientemente". 

Este especialista en violencia machista que imparte cursos de autoprotección asegura que a coordenación entre os Centros de Información ás Mulleres (CIM) e as comisarías "é mínima ou residual". 

As declaracións de Alejandro Gómez fan parte da reportaxe Mulleres desprotexidas perante a violencia machista que foi publicada no nº178 do semanario en papel. Podes adquirilo na nosa loxa.