Ascenden a 8 as mulleres asasinadas na Galiza pola violencia machista en 2015

Un xulgado de Ferrol ordenou a entrada en prisión do home de C.P. asasinada en Narón en decembro. O BNG reclama respostas e medidas "contundentes" para "combater" a violencia machista. 

 

As cifras oficiais da violencia machista na Galiza ascenden formalmente a 8 casos na Galiza en 2015 após un xulgado de Ferrol ordenar o ingreso en prisión do marido de C.P., a muller asasinada o 29 de decembro en Narón. 

A xustiza recoñece así que se trata dun caso de "violencia de xénero" polo que se procedeu á detención do home. Após pasar a disposición xudicial decretouse o seu encarceramento.  

Medidas urxentes

Após coñecerse a decisión xudicial o Bloque Nacionalista Galego emitiu un comunicado público no que urxe os poderes públicos a adoptar as medidas precisas para "sensibilizar" e "combater" a violencia machista. 

Noa Presas (BNG): “O asasinato de mulleres non é unha anécdota"

A organización frontista, através da secretaria de Acción Feminista, Noa Presas, sinala que “cómpre, para iso, sermos contundentes nas respostas e medidas así como sensibilizar e colectivizar que a violencia contra as mulleres é unha realidade que existe e urxe combater”

“O asasinato de mulleres non é unha anécdota e avanzar no fin dos feminicidios e de calquera expresión de violencia machista é unha meta na que todas e todos temos responsabilidade”, instou Presas. “Por iso chamamos a sumar vontades colectivamente para denunciar esta urxencia. É fundamental unha participación masiva en todas as convocatorias e actos públicos que o feminismo convoque para rexeitar este novo asasinato machista”, concluíu.