CRITERIOS RESTRITIVOS DE ATRIBUCIóN DE AXUDAS AOS CONCELLOS

Un mínimo de 10 vítimas da violencia machista ou non se subvenciona a prevención

As axudas convocadas pola Secretaría Xeral de Igualdade obrigan a cumprir cuns requerimentos que exclúen concellos como o de San Sadurniño.

 

Nas bases publicadas pola Xunta para as subvencións en materia de igualdade destinadas ás administracións locais, quer de maneira individual, quer de maneira mancomunada entre distintas entidades, exíxese que para acceder a axudas con vistas a financiar Programas de prevención e tratamento integral da violencia machista, nos concellos deberá haber cun mínimo de "dez mulleres" que acrediten estar en situación de violencia machista. Isto é, que tivesen presentado unha denuncia perante as instancias policiais ou xudiciais. Ergo, que se lles teña recoñecida a súa condición e feito o seguimento correspondente através dos servizos sociais locais. 

Un feito que, como ben recoñecen as administracións públicas, non acontece sempre que as mulleres se atopan en situación de violencia machista, nen sequera de maneira habitual. 

Desde o Concello de San Sadurniño, a responsábel de Igualdade, Ana B. Gudín (BNG), explica que o municipio ficou "descartado" por non cumprir con este requerimento. "É unha boa nova", sinala en relación ao feito de non contaren --oficialmente-- con dez mulleres en situación de violencia machista. Mais lamenta que por esa razón non poidan contar coa axuda do goberno galego para financiar os programas de igualdade e actividades que organizan desde o executivo local. 

Concellos que conten cun CIM deberán contar con entre 20 e 100 vítimas oficiais, dependendo da poboación, para obteren axudas á prevención

No caso daqueles concellos que conten cun Centro de Información a Mulleres (CIM) "o número de usuarias con atención individualizada terá que ser como mínimo de 100 mulleres en situación de vulnerabilidade, das que cando menos 15 deberán ter unha atención continuada e de seguimento cun mínimo de tres intervencións", recolle o DOG publicado o 9 de outubro de 2015. Ou de "como mínimo 40 mulleres" das que non menos de 6 terán atención continuada de se tratar de municipios entre 5.001 e 15.000 habitantes. Vinte no caso dos de menos de 5 mil. 

San Sadurniño ten 3 mil habitantes, na procura de cumprir coas obrigas exixidas pola Xunta tentou presentar a solicitude de maneira conxunta co Concello de Moeche. "Tampouco chegábamos", explica Ana B. Gudín. 

No caso das actividades complementares que non sexan axuda directa ás vítimas de violencia machista ou trata de persoas o custe non poderá ser "superior ao 7%" do salario do persoal

Aliás, os programas subvencionábeis, indica a resolución, só "poderán incluír actividades complementares de prevención e concienciación" --para alén das dirixidas ás vítimas ou á loita contra a trata de persoas-- que non posúen un "custe superior ao 7% do custe de persoal directo subvencionábel". 

Desta maneira, San Sadurniño ten que financiar unicamente con fondos do concello as actividades que desenvolven en materia de prevención da violencia machista. Entre eles, "obradoiros de igualdade" entre o alumnado do colexio que abrangue crianzas desde Infantil até 6º de Primaria; "obradoiros de auprotección", obras de teatro ou palestras sobre linguaxe inclusiva e tratamento informativo da violencia contra as mulleres. 

Ana B. Gudín asegura que na "educación" e a "prevención" está a chave para combater o machismo. "É fundamental", afirma, ao tempo que recoñece, após anos desenvolvendo os obradoiros escolares, que o persoal que os imparte "di que os nenos están bastante concienciados" a respeito do que acontece noutros lugares.