Cumpre a celulosa de Altri cos criterios fixados pola UE para acceder aos fondos Next Generation?

Directivos de Altri e Greenalia xunto a autoridades da Xunta nunha reunión de Impulsa, empresa destinada a promover proxectos empresariais con financiamento dos fondos Next Generation. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza).

A posta en marcha da celulosa de Palas de Rei está condicionada a recepción de axudas públicas procedentes dos fondos Next Generation. Mais cumpre realmente o proxecto cos criterios marcados pola Comisión Europea para acceder a esa liña de subvencións.

Greenfiber, sociedade conformada pola portuguesa Altri e a galega Greenalia, aspira a conseguir arredor de 250 millóns de euros de axudas públicas para pór en marcha a celulosa que proxecta en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. O grupo pretende cubrir a conta dos fondos comunitarios perto de 30% do investimento necesario para erguer a pasteira.

O conglomerado empresarial liderado por Altri traballa desde hai dous anos por atopar encaixe ao seu proxecto dentro dos diferentes Perte impulsados desde o Goberno do Estado. Neste sentido, ten solicitado axudas do Perte da descorbanización, dotado con 3.100 millóns de euros e que na súa primeira convocatoria, cuxo prazo remata o 17 de abril, incorpora 1.000 millóns de euros.

O Perte da descarbonización lanzado desde o Executivo estatal estabelece axudas para a electrificación de procesos e incorporación do hidróxeno, a xestión enerxética integral de procesos industriais, a redución do uso de recursos naturais ou a captura de carbono. Precisamente, Altri enfoca á captura de carbono a súa solicitude de subvención.

A normativa da Comisión Europea

O Estado estabelece no Perte que as iniciativas de captura e almacenamento e uso do carbono non poden contravir o Principio de non prexuízo significativo ao medio ambiente, nas súas siglas en inglés (DNSH), na liña do definido pola Comisión Europea, que obriga a realizar unha autoavaliación que asegure que o investimento ou reforma non afecta negativamente a un, ou varios, dos seis obxectivos medioambientais definidos no Regulamento 852/2020.

O Regulamento da 852/2020 da Unión Europea relativo aos investimentos sustentábeis fixa no seu artigo nove os seis obxectivos medioambientais que os proxectos deben respectar para seren considerados investimentos sustentábeis e, consecuentemente, seren financiados polo Perte.

A Comisión Europea define como proxectos subvencionábeis aqueles que contribúan á “mitigación do cambio climático”, á “adaptación ao cambio climático”, ao “uso sustentábel e protección dos recursos hídricos e mariños”, á “transición para unha economía circular”, á “prevención e control da contaminación" e á "protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas”.

Recursos hídricos e verteduras

Os consumos de auga que require a celulosa son moi elevados. Segundo o proxecto presentado pola propia compañía diante de Augas da Galiza, a factoría consumirá 46 millóns de litros de auga diarios do río Ulla, dos que 30 millóns volveran ao mesmo en forma de verteduras. Neste sentido, o consumo diario de auga da factoría equivale ao consumo diario de máis de  300.000 persoas.

O proxecto de Greenfiber non ten encaixe na economía circular. A este respecto, o profesor da USC e especialista en programas comunitarios, Diego Sande Veiga, sinala a Nós Diario que “o significado da economía circular transcende o obxecto deste proxecto, xa que esta consiste nun modelo de produción e consumo que implica compartir, alugar, reutilizar, reparar, renovar e reciclar materiais e produtos existentes todas as veces que sexa posíbel para crear un valor engadido”.

Os impactos ambientais desta iniciativa foron denunciados desde diversos ámbitos. Neste sentido, o proxecto presentado diante do Goberno galego  polos promotores da celulosa indica que a factoría vai devolver 30 millóns de litros de auga diarios en forma de verteduras ao río Ulla. Nesta dirección, os investigadores do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), alertan da ameaza “para a flora ameazada existente, así como para o resto da biodiversidade do espazo”.