Libera! estima que uns 5.000 animais faleceron nos incendios de Cualedro e Monterrei

[Foto: @briftabuyo]

A Asociación animalista Libera! estimou esta sexta feira que polo menos uns 5.000 animais silvestres faleceron a consecuencia dos lumes rexistrados na última semana nos concellos de Cualedro e Monterrei, que afectaron unha superficie total de máis de 1.700 hectáreas.

Así o sinalou Libera! nun comunicado remitido aos medios, no que asegura que esta cifra responde a un cálculo "moi conservador" ao estimar só menos de cinco animais por cada hectárea arrasada polo lume.

Os animalistas denuncian que os incendios provocados xeran "enormes perdas ambientais", ademais do custo que teñen para o sector agrogandeiro. Tamén apunta que a perda de hábitat é outro dos condicionantes negativos para a fauna que sobrevive ás chamas, co que moitos destes animais acaban morrendo tratando de desprazarse a outras contornas.

Por todo iso, pide á Xunta que desenvolva plans de revitalización animal nas contornas queimadas para favorecer a volta da biodiversidade en espazos que sufriron os lumes intencionados, cuestión que, segundo indica, pode facilitarse prohibindo actividades humanas durante maiores espazos de tempo.