Crise dos pellets

O CSIC alerta: o pellet de plástico tarda até cen anos en degradarse

Bólas de plástico atopadas nos areais de Ribeira, no Barbanza. (Foto: L. P. B.)
En función dos compostos que leven, poden ser tóxicos para os seres humanos.

A directora do Instituto de Diagnóstico Ambiental e Estudos da auga (IDAEA-CSIC), Ethel Eljarrat, estimou hoxe nuns cen anos o tempo que tardará en degradarse o pellet plástico, polo que urxiu a localizar o resto da carga vertida fronte á cidade portuguesa de Viana do Castelo antes de que cheguen máis contaminantes ás costas galegas e españolas.

Nunha entrevista concedida á axencia Europa Press, Eljarrat lamentou que descoñecen "cales son exactamente os aditivos químicos" que estes pellets teñen asociados, pero advertiu de que, en función dos compostos que leven, poden ser tóxicos para os seres humanos.

Preguntada polo seu impacto na flora e a fauna, a directora do instituto avisa de que pode ter efectos tanto físicos como químicos, xa sexa por consumo, que pode chegar a provocar obstrucións e inanición aos animais, ou polos seus aditivos, que poden provocar danos hormonais e reprodutivos.

"Cando son peixes que acumulan estes pellets no seu estómago, nós non nos comemos o estómago, polo que non estariamos a inxerir os pellets", razoou Eljarrat, sobre o consumo de peixe, aínda que remarcou que no caso dos crustáceos e bivalvos si que se poden chegar a inxerir plásticos.

Ve "primordial" localizar o resto de sacos aínda perdidos no mar antes de que se produza unha maior dispersión de pellets e previu que, a partir do sábado, poida producirse unha nova chegada ás costas galegas debido ás correntes.

Debate no Parlamento Europeo

O Parlamento Europeo incluirá na sesión plenaria da próxima semana en Estrasburgo (Francia) un debate específico sobre esta vertedura destas 25 toneladas de pellets de plástico tras o conseguir a eurodepuatada do BNG, Ana Miranda.

Así o acordaron os grupos e aprobouno a Conferencia de Presidentes do Parlamento Europeo, polo que a axenda do próximo pleno, que se celebrará do 15 ao 18 de xaneiro, xa prevé abordar de forma urxente esta "catástrofe ecolóxica" e as súas consecuencias.