Crise dos pellets

Un novo informe da Xunta que segue sen analizar os pellets advirte que non se debe inhalar o po ou manipulalos sen protección

Un voluntario recollendo pellets hoxe na praia viguesa de Samil. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O documento foi encargado a outro centro privado e volve carecer de análises de laboratorio dos microplásticos.

Un segundo informe sobre a seguridade dos pellets plásticos que elaborou o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (Cetim), a partir de catro documentos técnicos que lle remitiu a Xunta da Galiza, conclúe que "non é unha substancia ou mestura perigosa", de acordo coa normativa europea. Porén, si fai advertencias específicas para que se evite, en caso de vertedura accidental, "a formación de po".

"Indícase non inhalar o po, evitar o contacto coa pel, os ollos e a roupa cando se proceda á limpeza da vertedura", engade, para seguidamente recomendar o emprego de lentes de protección e luvas. Estas son algunhas das liñas que recolle este documento que, con todo, aínda non estudou a composición dos produtos en si, un labor no que está inmerso "en paralelo" o propio Cetim, un centro privado situado en Culleredo.

Esta segunda análise encargouna a Xunta e, para ese efecto, remitiu ao laboratorio catro fichas técnicas do produto que nas últimas semanas chegou ás costas galegas despois de que o 8 de decembro un buque perdese seis contedores fronte ás costas de Portugal. O material é unha 'masterbatch polimérica' composta na súa maioría -entre 88 e 90%- por polímero de polietileno, ao que se engade o aditivo UV622.

Con base na ficha de seguridade, os expertos do Cetim recalcan que "non é unha substancia ou mestura perigosa" nin contén pigmentos "perigosos". Do mesmo modo, conclúen que non ten "risco asociado a unha posíbel reactividade" e "é estábel baixo condicións normais de almacenamento e manipulación". Tampouco ten "produtos de descomposición perigosos".

Iso si, sobre o polímero que o compón na súa maioría, indícase que, en formato de po, si é "combustíbel". "As partículas de po suspendidas no aire poden formar mesturas explosivas co aire e o material moído pode causar queimaduras térmicas", agregan os expertos.

Nas conclusións finais do traballo, cuxo contido ocupa en total cinco páxinas, o Cetim insiste en que tanto a 'masterbatch' como os seus compoñentes indivuais non son "unha substancia ou mestura perigosa". Ademais, cumpre co regulamento da Comisión Europea destinado a "entrar en contacto con alimentos".