Queres coñecer cal foi a orixe da Ribeira Sacra?

Un grupo de arqueólogas de universidades de Lisboa e Madrid así como expertas do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC investigan en Pantón para aclarar a historia deste lugar privilexiado da Galiza. Así mesmo, traballan nos restos do mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro.
O grupo de investigadoras nun terreo da Ribeira Sacra. (Foto: Xunta da Galiza) #arqueoloxía #ribeirasacra #pantón
photo_camera O grupo de investigadoras nun terreo da Ribeira Sacra. (Foto: Xunta da Galiza)

A Ribeira Sacra é un dos grandes atractivos turísticos da Galiza, mesmo para as e os propios galegos. Malia que a candidatura desta zona a ser recoñecida como patrimonio da humanidade da Unesco, bateu co rexeitamento do seu organismo asesor (o Icomos) ninguén dubida da beleza paisaxística, patrimonial e cultural da zona.

Á marxe das últimas denuncias trasladadas por algúns colectivos esta mesma semana a Nós Diario, o certo é que ten gran interese afondar máis na orixe histórica deste entorno.

Por iso, dez arqueólogas da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Lisboa e o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC realizan estes días unha campaña que ten o obxectivo de chegar a algunha conclusión sobre esa historia en parte descoñecida.

A equipa multidiscplinar coordinada por Sonia García e dirixida por Xurxo Ayán traballa na área de O Preguntorio, no concello de Pantón, onde tratarán de recoller datos até o próximo 6 de novembro sobre a Ribeira Sacra e o mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro.

Esta campaña arqueolóxica, na que colabora a Xunta cunha achega de 24.000 euros, durará tres semanas, tempo que as e os investigadores destinarán á limpeza biótica da área onde se sitúa o xacemento.

Máis tarde, levarán a cabo sondaxes arqueolóxicas, unha prospección en toda a zona, rexistrarán e interpretarán as inscricións rupestres localizadas e procederán a facer unha fotogrametría dixital dos vestixios.

Todo iso para mellorar a caracterización espacial, cronolóxica e funcional da que se dispón na actualidade sobre os restos arqueolóxicos na zona para que poidan ser coñecidos pola cidadanía en xeral.

De feito, mentres se realicen os traballos organizaranse visitas guiadas ao xacemento, que está conectado por unha calzada medieval co mosteiro de San Vicenzo de Pombeiro, vinculado pola tradición oral cunha ermida en honra a San Xoán Degolado.

A área arqueolóxica de O Preguntoiro destaca polo seu potencial arqueolóxico, considerado polos expertos como "excepcional". Isto débese a que se trata dunha paisaxe medieval "fosilizada" na que se conservan pegadas materiais do antigo sistema de explotación agrario baseado na castaña e o viño.

Comentarios