18-F

A creación da policía autonómica, cuestionada desde a TVG

Vehículo da Unidade do Corpo Nacional de Policía de España adscrita á comunidade autónoma galega. (Foto: Nós Diario)

Danlle voz a unha asociación da Garda Civil que afirma que a creación da Policía autonómica “sería un perigo”

Todo lle vale á Dirección da CRTVG para apoiar os argumentos do Partido Popular e, de paso, intentar difamar o BNG, algo que se está deixando notar de maneira especial na cobertura informativa da campaña electoral dos comicios galegos do 18 de febreiro.

“A proposta do BNG de crear unha policía autonómica pon en risco a seguridade da poboación”. Con esta frase déronlle voz no informativo da CRTVG desta quinta feira a un representante da Asociación Profesional da Garda Civil (Jucil), que insistiu en que a creación dun corpo da policía autonómica “poría en risco as galegas e os galegos, especialmente do rural”. Engadindo, ademais, que suporía “a expulsión da Garda Civil e da Policía Nacional” da Galiza.

Con todo, a Unidade do Corpo Nacional de Policía de España adscrita á comunidade autónoma galega, que o Partido Popular fai pasar como policía autonómica, xa existe. E é máis, o mesmo PP tense pronunciado a favor de instar o Goberno estatal a cubrir as vacantes desta unidade, lamentando, ademais, que se trata dun corpo cun déficit de case 30% de persoal.

Que propón realmente o BNG? No programa co que a formación nacionalista concorre o 18-F especifícase a “creación do Corpo de Policía da Galiza”, tal e como prevé o Estatuto de Autonomía. Este corpo que propón o BNG “asumirá as competencias e funcións que actualmente ten conferidas a Unidade da Policía Adscrita”.

O Corpo de Policía da Galiza sería posíbel coa transferencia da competencia en materia de tránsito e seguridade viaria á Galiza. Unha transferencia reclamada en numerosas ocasións polo BNG no Parlamento galego e rexeitada polo PP.

Non obstante, o PP mudou de criterio a respecto deste corpo nos últimos anos. O 27 de abril de 2021 permitiu, coa súa abstención, que se aprobara a proposición lexislativa impulsada pola formación nacionalista para conseguir dita transferencia.

A raíz desta iniciativa, xurdiron críticas en asociacións da Garda Civil, cuxos representantes chegaron incluso a reunirse con PP e PSOE. O cambio de postura dos populares, que pasaron a rexeitar de maneira pública a transferencia da competencia, deberíase a que sucumbiron ás presións deste colectivo.

Policías propias

A proposta do BNG de crear un Corpo de Policía da Galiza que aglutine as funcións e o persoal da Policía adscrita e, unha vez transferida a competencia, da Policía Nacional e da Garda Civil, non é algo insólito no Estado español.

A creación deste corpo equipararía a Galiza ao nivel de autogoberno de Catalunya (Mossos d’Esquadra), Euskadi (Ertzaintza), Nafarroa (Policía Foral de Nafarroa) e mesmo as Illas Canarias (Cuerpo General de Policía Canaria).