A CRTVG nega "represalias" no cambio de postos do persoal mais advirte que haberá máis

Concentración de traballadoras e traballadores dos medios públicos diante do Parlamento. (Foto: Europa Press)
Para o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, non hai problemas de conflitividade laboral no ente público, e a que hai derívase de "factores exóxenos" relacionados coa proximidade das eleccións municipais e os comicios sindicais. Na CRTVG non hai "represalias", dixo, no cambio de funcións repentino para traballadoras e traballadores que se mostraron críticos coa dirección da compañía ou co PP, pero vai haber máis cambios, avisou.

A comparecencia onte en comisión parlamentaria de Alfonso Sánchez Izquierdo chegaba no medio dun ambiente de conflitividade no seo deste medio como non se vira nos seus case 40 anos de historia. Lembroullo a deputada do BNG Olalla Rodil: "En 39 anos, sete folgas, catro no seu mandato e dúas delas no último mes. Non se pode negar o deterioro na CRTVG".

Mais Sánchez Izquierdo non se mostrou afectado. El mesmo lembrou que era un veterano nisto —"levo 69 comparecencias"—. Nas respostas ás preguntas da oposición —cambios de posto de profesionais 'críticos', "censura" das declaracións do director de As Bestas sobre os eólicos ou a inexistencia dun Consello de Informativos pese a pasaren xa 12 anos da aprobación da lei que o contempla— optou por negar os feitos denunciados ou eludir responsabilidades.

Cambiar persoal de postos, dixo, "non é represaliar, é avanzar; non é degradar, é reforzar". Respondía así a Noelia Otero (PSdeG), que reclamaba explicacións pola mudanza de postos imposta a traballadoras e traballadores que denunciaron a "censura" das súas informacións ou, no caso de Maite Cabezas, que criticou nas súas redes sociais o ex presidente da Xunta e actual líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, por "abandonar" as vítimas do terrorismo. 

Sánchez Izquierdo afirmou que estes cambios xa estaban planificados de antemán e advertiu: "e os que van vir". As explicacións non convenceron: "Se tan planificados están [os cambios de posto], por que se fan dun día para outro e o traballador é o último en enterarse? E sempre con persoas críticas", apuntou Rodil. "Hai traballadores de baixa por ansiedade por eses cambios", denunciou Otero.

"Os 'Venres Negros' son minoritarios e os seus líderes están vinculados a partidos e van en listas electorais", acrecentou o director xeral da compañía pública, que atribuíu as protestas na CRTVG á situación "externa, polos comicios políticos que hai en dous meses" e á "interna, polas eleccións sindicais". 

Sobre que na TVG, —a diferenza doutros medios— non informase da parte do discurso nos Premios Goya de Rodrigo Sorogoyen, director de As Bestas, na que dicía "eólicos si, pero non así", Izquierdo acusou a oposición de "pór en dúbida os criterios dos profesionais da CRTVG". "Cortaron premeditadamente esa parte do discurso", reprochoulle Noa Presas (BNG). "Non lles preocupa o cinema galego", aseverou o director dos medios públicos.

Protesta do persoal

Mentres no interior da Cámara galega decorría a sesión de control, no exterior un grupo de traballadores e traballadoras protestaban para denunciar os "abusos" da dirección da CRTVG. Eses que, segundo Izquierdo, non existen.