Quen move os fíos na TVG?

As ansias do PP por controlar as noticias "delicadas" que se emiten nos informativos da televisión pública son tales que ás veces non cómpre unha chamada de atención desde a Xunta: abonda "coa autocensura dos responsábeis da TVG".


Sermos Galiza conversou cos e coas traballador@s da televisión pública que puxeron en marcha o blogue 'Eu non manipulo'.

​Non baten contra a empresa, senón contra a práctica habitual de manipular a información para a colocar ao servizo dunha ideoloxía. Denuncian que, por riba da actualidade e da relevancia informativa, está a ideoloxía d@s redactor@s xef@s, "con simpatía cara ao Opus, cando non pertenza".

Preguntamos pola folla de ruta marcada para informar das fotos de Feijóo no barco dun narcotraficante; pola ocultación das mobilizacións das mulleres fronte á noticia que vinculou aborto con asasinato; polo silenciamento dos protestos de estafad@s coas preferentes; e pola Gürtel, a deputación de Ourense, o caso  Bárcenas e as promesas incumpridas co sector naval. 

Aliás, recordamos a manipulación noutras televisións públicas nos territorios onde goberna o PP e entrevistamos a Lola Ferreiro, voceira, canda a Cándido Pazó, da plataforma Mira por Elas en defensa dos medios públicos da Galiza. Considera Ferreiro que "atacar a CRTVG supón atacar a lingua, a cultura, a liberdade de expresión, o dereito á información... coido que non queda nada sen atacar". 


Todo o que nos contaron @s xornalistas da TVG e Lola Ferreiro podes atopalo no nº44 do semanario en papel, desde a sexta feira 26 de abril nos puntos de venda habituais.