"De non ficaren libres de manipulación, a televisión e a radio públicas deixarán de ser necesarias"

Traballador@s da CRTVG rexeitan a tentativa do director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, de vincular as denuncias de presións na televisión nacional coa negociación do convenio colectivo e subliñan que o caso Bárcenas "só foi a pinga que fixo rebordar o vaso"


En outubro de 2011, un telexornal reivindicativo organizado polo Comité interempresas da CRTVG alertaba desde unha praza de Compostela da precariedade e o control político das informacións que carrexaría a Lei de medios públicos da Galiza, pactada por PP e PSOE e aprobada un mes despois, en novembro.

Daquela, o redactor da Radio galega Xan Docampo, ao lle preguntar polas consecuencias do control político do ente público, apuntaba cara á merma da autoestima d@s traballador@s e da calidade do produto, cara a unha imaxe deturpada da televisión e da radio nacionais e cara ao afastamento das súas funcións daquel@s xornalistas "cun nivel de autocensura máis baixo do que lle gustaría á empresa" para encargar as mesmas informacións a empregad@s con contratos en precario.

A información interesada do caso Bárcenas

O texto introduciu melloras reclamadas desde o 2000 polo cadro de persoal, mais foi tamén aproveitado polos dous partidos maioritarios "para a externalización total da pouca produción propia que facemos na casa". Quen así fala é Raquel Lema, militante da CUT e presidenta do Comité interempresas da CRTVG, quen considera que a tentativa do director xeral do ente, Alfonso Sánchez Izquierdo, de vincular as denuncias por manipulación coa negociación para o convenio colectivo "é unha perversidade e non é serio".

Lema referiuse así ás declaracións de Sánchez Izquierdo na Comisión de control realizada na sexta feira, día 1, no Parlamento galego, onde a deputada do BNG Montse Prado pediu explicacións polas denuncias d@s traballador@s da TVG en que facían públicas as "presións" que chegan de arriba para orientar as informacións sobre protestas sociais e sobre os casos de corrupción en que están implicados partidos políticos. "O de Bárcenas foi a pinga que fixo rebordar o vaso", subliña a representante d@s traballador@s, quen recorda que que o partido do Goberno meta man nas información é unha práctica "que existe desde que naceron a tele e a radio públicas".

Sánchez Izquierdo convida a silenciar o control da información

Unha mensaxe emitida polos medios públicos nacionais ten un público obxectivo de por volta de 700 mil persoas, dato que os torna nun bocado apetecíbel para as formacións políticas. "Os casos de corrupción en que os imputados son do PP siléncianse e se os imputados son do PSOE saliéntanse máis veces incluso das necesarias", enfatiza Raquel Lema, facendo caso omiso da advertenza de Sánchez Izquierdo. Após negar tal control das novas que se emiten, acrecentou que o cadro de persoal da televisión e da radio galegas non deberan facer públicas as presións que sofren.

"Ao contrario. O que lle fai dano á CRTVG non son os traballadores que produran facer o seu traballo en base a criterios de pluralidade e calidade, senón xustamente esa manipulación". Malia remarcar esta cuestión, asegura que antes de enviar á imprensa un comunicado como o que daba conta das "invervencións sobre o seu traballo que reciben a cotío" @s xornalistas da TVG hai unha fonda reflexión detrás por parte d@s propi@s traballador@s.

As protestas sociais non teñen sitio no telexornal

A CRTVG creouse hai 28 anos co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega e revalorizar a Galiza. Porén, manifestacións como as do 17 de maio ou a realizada o 27 de xaneiro contra o decreto do plurilingüismo a duras penas atopan espazo no minutado dos telexornais e dos informativos, ao igual que calquera protesta derivada das políticas impostas polo PP facendo uso da súa maioría absoluta no Parlamento galego.

"Consideramos que non se dá como se debe ningunha nova dos conflitos que lle afectan ao Goberno", recalca Raquel Lema. Após facer un chamamento a que se desgobernalice a CRTVG, a traballadora do ente público lanza un aviso: "a televisión e a radio públicas só poden considerarse necesarias se fican libres de manipulación; en caso contrario poderían chegar a ser prescindíbeis".