A CRTVG estala en denuncias por "manipulación" e "propaganda" ás portas do 18-F

Plató da CRTVG (arquivo).
A cobertura da crise dos pellets multiplicou as críticas que desde hai anos atinxen a corporación de medios públicos da Galiza. Persoal e oposición denuncian o "control político" sistemático da CRTVG por parte do PP e da Xunta da Galiza.

Na madrugada do próximo 2 de febreiro arranca oficialmente a campaña electoral dos comicios galegos do 18 de febreiro. Dúas semanas despois, coincidindo co feche desta xeira política, o colectivo Defende a Galega alcanzará o seu 300 Venres Negro.

Máis de cinco anos "denunciando o secuestro da TVG e a RG, a manipulación informativa, os atrancos para informar con profesionalidade".

A día de hoxe, esta iniciativa profesional, que conta cun amplo apoio da sociedade galega, suma 297 Venres Negros consecutivos "reclamando o cumprimento da Lei de Medios, a elección dunha Dirección que non sexa espuria, un Consello de Informativos e outras medidas que garantan a independencia dos medios públicos galegos, os únicos que son de todas".

Silencio ante a chegada de pellets

A crise dos pellets, en plena precampaña cara ao 18-F, recruou as protestas por "manipulación" e "uso electoralista" dos medios públicos galegos. O persoal acrecentou as denuncias e, ao tempo, a defensa dunha radio e dunha televisión de todas, libres de inxerencias partidistas, comprometidas coa cidadanía e co servizo público.

A cobertura informativa da vertedura de granulado na costa galega por parte da CRTVG motivou numerosas críticas dentro e fóra da corporación pública.

"O Telexornal Serán relega a cobertura do problema ambiental que están a provocar os pellets de plástico no litoral galego ao minuto 31 dun informativo que dura 35, para nin sequera darlle voz ao sector pesqueiro, o Goberno ou as entidades ecoloxistas", escribía nas súas redes sociais Defende a Galega o pasado 6 de xaneiro.

Ese mesmo día, foi soada a denuncia da alcaldesa de Muros, María Lago, quen reduciu a dez minutos, sen material e sen información a xornada de traballo dos operarios despregados pola Xunta para realizar tarefas de limpeza da vertedura de pellets de plástico no seu municipio, na praia de Area Maior.

Lago describiu nas súas redes sociais como catro operarios da empresa Tragsa chegaron ao areal "para recoller as bolsas" do que limpara o voluntariado. "Ante a chegada da TVG, póñense a recoller os pellets", traballo que deixaron ao cabo de dez minutos, coa marcha das cámaras.

Uso burdo e partidista

A xestión por parte da dirección da CRTVG da a crise dos pellets motivou unha concentración do Comité Intercentros do ente público en protesta polo tratamento informativa.

O persoal concentrou para protestar contra "este novo uso burdo e partidista dos medios públicos de todas as galegas para silenciar a catástrofe".

Coincidiu no tempo coa polémica suscitada por un vídeo publicado en redes sociais de G24 –recollido da emisión en directo– no que a TVG informaba do achado de varios sacos de pellets en diferentes puntos da costa galega que estarían, segundo as súas fontes, na superficie do mar cando se atoparon. 

A imaxe dun saco amarrado cunha corda non deixou ninguén indiferente e provocou numerosas reaccións, ademais das explicacións dos Gardacostas da Galiza: "Era unha proba de flotabilidade".

O Goberno da Xunta xa elevara a nivel 2 o nivel de emerxencia polos pellets, unha decisión que levou os medios públicos a outorgarlle un maior peso informativo a esta crise, sinalando a responsabilidade do Executivo estatal tanto da suposta falta de información que padeceu o gabinete de Alfonso Rueda como pola necesidade de atallar os sacos mar adentro, nova consigna do presidente da Xunta.

A cobertura da manifestación do pasado domingo en Compostela, en defensa do mar e contra a xestión da Xunta, por parte da TVG, tampouco estivo libre de polémica. A televisión pública informou da marcha para facer fincapé, na seguinte peza, no labor de limpeza de 350 efectivos da Xunta repartidos nas praias galegas que "xa se recolleron 3.500 quilogramos de plásticos" e nas acusacións de Rueda cara á oposición, a quen atribuíu continuos "bulos" que afectan o sector pesqueiro. 

Á medida de Rueda 

"A manipulación e secuestro dos medios públicos de comunicación galegos quedou patente unha vez máis na xestión da información sobre a vertedura de granulado", insistiu persoal da CRTVG ante o edificio da Xunta da Galiza, en San Caetano, nunha convocatoria apoiada por medio cento de entidades.

Na mesma semana en que o Defensor do Paciente denunciou que a Atención Primaria galega é a máis saturada do Estado e a TVG sinalaba as persoas usuarias, destacando que en 2023 foron case 640.000 as citas ás que non se presentaron os pacientes.
A mesma na que o PP publicou un vídeo para mostrar o "perfil máis persoal" de Rueda e a TVG respondeu coa emisión practicamente íntegra da fita.

Nos mesmos días en que a CRTVG anunciou un debate electoral á medida de Rueda e nos que saíu á luz a enésima sentenza contraria á CRTVG polo trato ao seu persoal traballador.