A crise incrementou o risco de suicidio

[Imaxe MGSM]

O Movemento galego de Saúde Mental reclama un plan de prevención e a consideración do suicidio como unha cuestión de saúde pública.

Desde o 3 de maio o Movemento galego de Saúde Mental (MGSM) iniciou unha campaña de sensibilización e concienciación social arredor do suicidio. Unha problemática que atinxiu o pasado ano 324 persoas o que duplica o número de mortes por accidentes de tráfico. Unha cifra que, para alén do máis, non deixou de medrar desde 2010 pasando de 275 a 371 en apenas catro anos. 

A taxa de suicidios na Galiza sitúase en 11,85 por cada 100 mil habitantes. En Lugo elévase até 17,08

Por territorios, os dados fornecidos polo IMELGA e o propio Movemento sitúan Lugo á cabeza do ránking de suicidios cunha taxa en 2015 de 17,08 por cada 100 mil habitantes, fronte aos 11,85 da media galega. 

Neste senso, desde o MGSM advirten que "as políticas desenvolvidas polo Goberno Central e a Xunta de Galiza fronte á crise desprotexeron a sectores sociais vulnerábeis incrementando o risco de suicidio na sociedade" e destacan como "especialmente importantes: a carencia de políticas activas de emprego e un elevadísimo paro prolongado, a redución da protección social, o deterioro da sanidade pública e en particular o debilitamento da Atención Primaria de Saúde, a tolerancia gobernamental coa banca e a súa agresividade respecto ao cobro dos préstamos hipotecarios coa conseguinte vaga de desafiuzamentos". 

Plan de prevención

Así as cousas, aclaran, "Galiza padeceu desde sempre elevadas taxas de suicidio" o que sitúa o noso país no marco dun "grave problema de saúde pública". 

Vilas e cidades galegas acolleron concentracións nas que o MGSM reclamou un plan de prevención galega para o suicidio

Eis a razón pola que o MGSM decidiu sensibilizar a poboación dando visibilidade ás persoas mortas por suicidio através da campaña Badaladas pola prevención coa que reclaman a elaboración dun Plan galego de prevención do suicidio através da creación dunha comisión técnica "capaz e críbel, cun carácter multisectorial, articulado co necesario Plan Galego de Saúde Mental, e dotado suficientemente" de recursos. 

Badaladas pola prevención do suicidio concluíu esta quinta feira con concentracións simultáneas en Ferrol, A Coruña, Lugo, Compostela, Ribeira, Pontevedra, Cangas, Vigo e Ourense onde se escoitou unha badalada coa que lembrar as persoas mortas.