As crianzas de Monfero fechan o curso botándolle un pulso a Iberdrola

Crianzas do colexio de Monfero colgan pancartas contra os eólicos. (Foto: Plataforma Monfero di non)
As nenas e nenos trasladaran a súa preocupación sobre as consecuencias do parque eólico de Pena do Corvo ás súas mestras. Así iniciaron unha campaña de protesta dentro das súas posibilidades.

Despois de trasladar ás súas mestras mensaxes de preocupación como "Non quero ser unha nena Iberdrola" ou "Iberdrola vai quedar coa casa", que callaron fondamente no persoal do CEIP Virxe da Cela do Xestal e o levaron a montar unha campaña de protesta en colaboración coas crianzas, as e os estudantes fecharon hoxe o curso loitando á súa maneira contra a multinacional enerxética.

Se ben é certo que as nenas e nenos de Monfero pouco poden facer contra un xigante como Iberdrola, que ten en proxecto a chegada de numerosos muíños á localidade, o certo é que esta terza feira no canto da tradicional festa preferiron despedir a actividade lectivo botándolle un pulso -dentro das súas posibilidades- á empresa.

Ademais de lanzar as protestas, colocaron nos valados do centro educativo as pancartas que fixeron nas últimas semanas con lemas tales como "Non aos viraventos sen fundamentos" ou "Iberdrola vai poñer 13 eólicos de 200 metros en Monfero. E non os queremos", entre outros.

A xornada tamén foi aproveitada para repartir follas coas que presentar alegacións particulares ao polígono eólico de Pena do Corvo entre as nais e pais que se achegaron até a escola.

A rapazada mesmo preparou unha carta para a ministra galega Yolanda Díaz, para intentar que poña freo á iniciativa empresarial. Cabe destacar que esta afecta a tres das parroquias que concentran maior poboación no municipio de Monfero.

En 35 núcleos habitados

Os aeroxeradores están programados para ficar en Vilachá, Queixeiro e San Fiz, afectando polo menos a "35 núcleos habitados". Estes serían: Viñas, Vilafaíl, O Castro, A Cabana, Primoi, Valoi, Os Campos, Vite, O Casal de Riba, As Corveiras, A Corveira, O Piñeiro, O Candedo, A Louseira, Nebras, O Cotillón, Casalbito, As Lamelas, A Visura, Rego do Eixo, A Pila da Leña, Montelongo, A Bouza Maior, A Bocha, O Mascoto, Taboada, Pazos, Vilarxestoso, Santo André da Ribeira, Os Gotes, San Xiá de Arca, As Cortizas, O Redondo, As Leguas e O Rodeiro. Tamén incluiría dous lugares do concello da Capela.

Esta ameaza que xa levara á mobilización de boa parte da veciñanza baixo a plataforma Monfero di non.

De feito, este colectivo vén de estrear un sitio web no que, entre outras cousas, van deixando toda a información que van obtendo dos diferentes plans que se tramitan para o entorno e que están a procurar polos seus propios medios, ante a falta de transparencia das eléctricas e das Administracións que xestionan os permisos, como xa viñan denunciando.