Crecen un 135% as investigacións abertas por Fiscalía sobre estafas en Internet na Galiza

E un 145% os ciberdelitos sexuais.

O número de procedementos abertos pola Fiscalía na Galiza vinculados a estafas cometidas a través de Internet aumentou en 2020 un 135% ao pasar de 405 a 953 casos nun ano no que tamén creceron exponencialmente as investigacións sobre ciberdelitos sexuais ao incrementarse un 145%.

Así figura na memoria anual da Fiscalía Superior de Galiza, que foi entregada polo titular da institución, Fernando Suanzes, ao presidente da Cámara autonómica, Miguel Ángel Santalices, na mañá desta segunda feira.

Ao termo do encontro mantido polo titular do Lexislativo e o fiscal superior galego, este atendeu aos medios para debullar os principais datos do informe de actividade anual referido ao primeiro ano da pandemia e que será presentado en Comisión paralmentaria a mediados do próximo mes de novembro.

Así, a crise sanitaria motivou un descenso do 12% na actividade do Ministerio Público na Galiza e un aumento do número de asuntos pendentes que rolda o 7%. En termos absolutos, 2020 concluíu cunha diminución dos delitos incoados nos xulgados, unha tendencia asociada ao período de confinamento e á suspensión de prazos pola pandemia.

En todo caso, Suanzes resaltou que existen crecementos "preocupantes" no número de delitos investigados por Fiscalía, fundamentalmente naqueles asociados ás novas tecnoloxías, que crecen un 74%.

Entre eles, destaca o aumento do 135% no total de investigacións iniciadas polo Ministerio Público ante posíbeis estafas económicas cometidas a través de Internet, un incremento de máis do dobre que tamén se dá nos ciberdelitos contra a liberdade sexual, que aumentaron en 2020 un 145% en comparación co exercicio anterior.

O fiscal superior de Galiza tamén mostrou a súa preocupación polo aumento que reflicte a memoria dos procesos abertos ante delitos contra a integridade sexual contra menores de 16 anos, que mantiveron unha tendencia á alza nun ano no que caeron "con carácter xeral" as investigacións por delitos sexuais.

E é que os casos de delitos sexuais contra menores duplicáronse no último ano, ao pasar de 22 a 54 nun 2020 no que os delitos de pornografía infantil caeron un 48% (de 41 a 21).

Tamén descende o total de casos investigados no ámbito de violencia machista, aínda que Suanzes subliñou que se manteñen en niveis "inasumíbeis" para a sociedade. E é que, como lembrou, o Ministerio Público asume unha de cada cinco acusacións en casos de violencia contra as mulleres, aquelas relacionadas con delitos de malos tratos habituais, asasinatos e medidas cautelares.

En canto ás cifras totais, Fiscalía incoou en 2020 un total de 75.524 procedementos, máis dunha cuarta parte deles (o 27%) por delitos de lesións. A continuación están os vinculados a delitos patrimoniais (23%) e os de seguridade viaria (9%).