Covid: Fechamento perimetral de Santiago e máximo nivel de restricións en Ribeira, Bueu e Baiona

Ambiente de Nadal nunha rúa de Vigo. (Foto: Marta Vázquez Rodríguez / Europa Press)
A decisión foi tomada na xuntanza co comité clínico que asesora ao Goberno galego sobre a evolución da pandemia. 

A Consellaría de Sanidade vén de anunciar que volverá a activarse o fechamento perimetral en Compostela após os datos de contaxios estudados esta tarde. Ademais, baixan as limitacións en seis municipios (Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso) e Ribeira, Bueu e Baiona súmanse ao nivel máximo de medidas contra a Covid-19.

Compostela volverá a estar fechado a entradas e saídas non xustificadas por motivos de traballo, saúde ou educación, dado que se optou por mover o municipio ao nivel medio de afección do virus. Compartirán este nivel as localidades de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Rodeiro, A Illa, Carnota e Fisterra.

As e os especialistas recomendaron á Xunta que se apliquen as prohibicións máis duras nos municipios de Baiona, Bueu e Ribeira, o que podería implicar tamén o fechamento nos límites municipais aínda que non se aclarou.

"Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou implementar unha vixilancia especial nos concellos de Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño", afirmaron esta noite fontes do departamento que dirixe Julio García Comesaña.

Pasan a mellor situación, aínda que é preciso a publicación no Diario Oficial da Galiza (DOG), Coristanco, Cee, Laxe, Carballo, Ponteceso e Barro. Por contra, non se comunicaron outras modificacións polo que se entende que continúan activos os perímetros de Lugo, Pontevedra e a área da Coruña, entre outras zonas.

Todas estas decisións foron tomadas atendendo ás recomendacións das e dos expertos que forman parte do comité clínico que colabora coa Xunta no seguimento da evolución do coronavirus.

Medidas "insuficientes"

A pasada sexta feira, cando decorreu a última reunión de traballo até hoxe, Sanidade permitiu unha rebaixa das limitacións en Lugo e Pontevedra. Sobre todo eran beneficiosas para a hostalaría, porque mantiveron os fechamentos perimetrais arredor desas cidades e doutras localidades, pero o sector considerou que aínda así os cambios eran "insuficientes".

Esta segunda feira, no acto de balance dos seus 100 días de mandato, o presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feixoo advertía: "Quedan meses moi duros".

Debate sobre as festas

Á espera das explicacións e argumentacións previstas para o día de mañá, nas últimas semanas o estabelecemento de criterios e normas sobre a Covid-19 para esta época de encontros ten sido albo de diferentes debates. 

Malia que se permitan os encontros de Nadal cun máximo de 10 persoas, como se pactou na Comisión Interterritorial de Saúde, ou menos, pola recomendación da Xunta, o certo é que hai tensión porque se produza unha terceira ola do virus despois das festas.